Semana Santa 20.25

 

©pemónbouzas

Estes días sentímonos ansiosos, acelerados, co entusiasmo que marcan determinados referentes do calendario, os que implican días de descanso laboral, na maioría dos casos, días de lecer e de viaxar. Aínda que o mundo está revolto polo efecto laranxa, ese que nos vai empobrecer case tanto como aos que o votaron, viaxar (non a Estados Unidos) segue a ser unha teima para a Semana Santa. Leo nos xornais propostas que van dende O Barqueiro e a Mariña lucense ata Machu Pichu no Perú, pasando por Cadaqués na Costa Brava ou Nazaré e o Algarve en Portugal. Chega a Semana Santa que se presenta en cores vivos e alegres. Porén, desta vez, Burdeos, la Gironde e Arcachón terán que esperar unha mellor oportunidade, quizais no verán.

Lonxe se ven para os que as viviron, inimaxinables para os máis novos incapaces de dar un paso sen mirar Tik Tok, lonxe, dicía, quedan as Semanas Santas en branco e negro, nas que, sen tantas posibilidades para viaxar, quedabas obrigado ao que tiñas a man. Sen Internet, cunha única televisión, TVE, que so emitía procesións, misas e as sempiternas películas Ben Hur, Espartaco ou Os Dez Mandamentos; con emisoras de radio, so existían RNE, a SER e Radio Popular, que so emitían procesións, misas e música clásica, requiems e gregoriano sobre todo, se o tempo acompañaba, cando a pasabamos en Palmeira, íamos á praia, subíamos andando ou en bici a Curota, terraceábamos nos poucos bares abertos, senón, lecturas, moitas lecturas, xogos de naipes, a canastra coa dobre baralla, e escoitar a Luís Valeiras quen, dende a emisora de Vigo na que traballaba, era un faro de esperanza,  de futuro, de modernidade, ao “pinchar” de catro a oito da tarde o mellor do pop-rock internacional e as estrelas rutilantes da música moderna española, léase, Triana, Os Canarios, os Pop Tops e Andresiño Lapique do Barro. Foron os primeiros destelos de luz e cor na sociedade galega.  


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Cruceiros y "anxeliños" en Cuarto Milenio

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio

Semana Santa en la memoria