Lembrando a Mario Vargas Llosa


Biblioteca do Museo Convento de San Francisco, Lima ©pemónbouzas
 

O primeiro que penso ao escribir este recordatorio, que non obituario, é que o estou a facer nun idioma que el consideraría agresivo co castelán, como dixo publicamente do catalán, pero non é ese o tema, nin as súas tendencias e despropósitos políticos, nin a súa atribulada vida persoal. Esta lembranza ten que ver coa súa obra, coa importancia dos seus libros e, de paso, co impacto que supuxo para a literatura moderna, tamén en galego, a eclosión dos baluartes do chamado boom latinoamericano, inventado pola xa desaparecida axente literaria Carmen Balcells e debido ao inmenso talento de Carlos Fuentes, García Márquez, Julio Cortázar e do propio Vargas Llosa.

Escribir isto é lembrar obras lidas como Pantaleón y las visitadoras, Los cachorros, La cuidad y los perros, La casa verde, La guerra del fin del mundo ou Lituma en los Andes. Esta última foi a que me deu a oportunidade de entrevistalo unha noite de outubro de 1993 en Barcelona, única cidade na que compartín encontros e amizades co escritor peruano, un home sempre amable comigo, sempre disposto a unha pregunta máis, a un brinde ou a uns minutos de conversa.

A noticia do pasamento de Mario Vargas Llosa evócame a súa cidade, Lima, un lugar que quixen absorber, respirar, gozar e temer. Unha cidade de contrastes. Lima é para visitar, para recoñecer a súa historia, precolombina e colonial, a súa música, a súa xente, os seus lugares, Miraflores, o Barranco, a Praza Mayor no corazón do Barrio Histórico, incluso a praza de touros de Acho e o Cerro San Cristobal. E a súa comida, das mellores do mundo, das máis variadas, comida que un pode gozar vendo espectáculos, para peruanos, con actuacións musicais de cada provincia de Perú. Perú é Vargas Llosa, ou ao revés, pero tamén Chabuca Granda, Cesar Vallejo,  ou Bryce Echenique e Jaime Bayly.

A foto fíxena na Biblioteca do Museo Convento de San Francisco de Lima. Vargas Llosa acostumaba escribir nas bibliotecas.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Cruceiros y "anxeliños" en Cuarto Milenio

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio

Semana Santa en la memoria