Os Inuit, de Alaska a Groenlandia
![]() |
Cos Nativos no Río Yukon, Fort Yukon, Alaska ©pemónbouzas |
Coñécense como Inuit os pobos que habitan o Ártico. Inuit
significa persoas, xente, e agrupan numerosas nacións, primeiras nacións, pobos
primixenios, que viven dende Alaska ata Groenlandia pasando, entre medias,
polos Territorios do Norte de Canadá. Groenlandia
aparece nas últimas semanas con moita frecuencia nas páxinas dos xornais de
todo o mundo grazas ás ansias imperialistas de Donald Trump, quen quere
anexionar a illa. Hai poucas xornadas celebraron eleccións, gañadas por
primeira vez por un partido independentista moderado, Groenlandia forma parte
do Reino de Dinamarca.
A “Terra verde”, ese é o nome que lle puxo
Erik o Vermello cando chegou alí para convencer mais colonos viquingos, está
maioritariamente poboada por Inuit. Os seus habitantes sentíronse sempre
inferiores, véndose obrigados a renunciar a moitas das súas tradicións e
costumes por seren consideradas pecaminosas por parte dos misioneiros europeos,
luteranos, brancos. Agora, son as mulleres as que están a recuperar algunhas
desas costumes, como a de tatuárense como sinal de identidade.
Os Inuit viven en territorios de climas
extremos e dependen da natureza para subsistir. As súas crenzas e deidades
están relacionadas co mar, nos pobos costeiros, coa terra e co firmamento, aí
entran as auroras boreais ou luces do norte, como eles lles chaman, que
representan os espíritos dos que xa marcharon. Aliméntanse polo tanto da pesca
e da caza de mamíferos mariños, da caza de caribús e doutros cérvidos, do
secado de peixes e carnes ao sol para conservalos de cara o inverno, alimentos
cos que fan sopas e guisos, ou que comen afumados.
Son xente amigable coa que compartín
experiencias, comida e tempo, cando tiven oportunidade, tanto en Alaska como no
norte de Canadá. Eles ensináronme a afumar o salmón e a carne ao seu xeito.
Comentarios
Publicar un comentario