Morte en Venecia
@elquesabezava |
Para os galegos, falar de entroido é levarnos pola nosa xeografía na procura de ritos ancestrais que sobreviven e collen folgos cada ano por estas datas de febreiro. Porén, hai outros lugares onde o carnaval ten lustre e atrae milleiros de persoas. Un deses lugares é Venecia, unha cidade con tanta historia, un dos motores da economía mediterránea durante séculos, unha cidade monumental, fermosa e húmida, moi húmida, que se afunde pouco a pouco nese mar que lle deu pulo.
Imaxes destes días na presa mundial abraiaban;
milleiros e milleiros de turistas agardando para poderen desembarcar na illa
para ver, como ovellas nun cercado, algún dos espectáculos relacionados co
mítico e decadente carnaval. Cando marchen, Venecia quedará afundida un pouco
máis grazas ás toneladas de lixo que van deixar os turistas de un día, grazas
ao impacto ecolóxico que provocan, e ao deterioro continuo do marabilloso patrimonio
da cidade ducal.
Venecia morre, está na UCI. Xa non quedan
venecianos na illa que coñezan de verdade o valor da basílica de San Marcos, da
praza, do pazo ducal, dos canais e as pontes de Rialto e dos Suspiros, ou mesmo
da libraría Acqua Alta. O escritor alemán Thomas Mann
no seu libro Morte en Venecia
narra a paixón oculta e prohibida dun vello escritor por un mozo cheo de beleza,
mentres unha epidemia de cólera avanza ocultada polas autoridades para evitar
que os turistas marchen. O cineasta italiano Luchino Visconti, na súa película
homónima, retrata esa paixón e a decadencia que rodea a cidade e a sociedade
que tapa os seus ollos para negar a evidencia. Morre Venecia. É non é a única
cidade patrimonio, parque temático que devece. Chove en Santiago...
Comentarios
Publicar un comentario