Xa están aquí!!!
Na miña cova, aínda optimista. ©pemonbouzas |
A velas vir. Así é como comeza este ano
2025. Uns, poucos, observando; o resto do mundo a velas vir, decatándose do que
chega cando xa o teñen enriba. Hai uns trinta anos, un enxeñeiro informático especializado
en intelixencia artificial dixo unha frase que, daquela, me desconcertou: “O mundo, tal como o
coñecemos, está en mans de intelectuais con ampla formación e de científicos de
primeiro nivel que son quen de asesorar os líderes políticos que buscan o
mellor para a sociedade. Iso vai cambiar, en poucas décadas o mundo vai estar
en mans de informáticos altamente cualificados no seu campo e ignorantes do
mundo que lles rodea, xa que para eles so contan os protagonistas dos
videoxogos e os súper heroes da ‘cultura’ norteamericana”.
Xa están aquí!!! A prensa recolle hoxe o paso atrás, a recuada,
de META e do seu propietario Mark Zuckerberg no tocante á moderación de
contidos falsos en Instagram e Facebook. Isto é unha claudicación total e un
medo absoluto ao que está a piques de empezar: a era Trump movéndose cal
marioneta en mans do que si que gaña, Elon Musk.
Debemos abandonar Instagram e Facebook
como fixemos con X (Twitter)? Quizais abandonar X (Twitter) fora como negarse a
mercar un Tesla para non seguir enriquecendo a un tipo tan negativo para a
sociedade. Quizais haxa que loitar dende dentro, dende Facebook e Instagram
contra as trolas, as mentiras, as noticias falsas co fin de intoxicar e facer
crer que os demócratas do mundo son seres atroces, con rabo e cornos que devoran
nenos. Quizais...
Pero quedan outros lugares, certamente
menos concorridos, para podermos expresar con certa liberdade (veremos o que
duran) como os blogs, páxinas web, podcast... Namentres, loitemos contra o mal
e os malos fomentando os valores democráticos sen esquecer poñer as barbas a
remollo...
Comentarios
Publicar un comentario