Viquingos. Sympathy for the devil
Resulta, cando menos, sorprendente e, quizais
preocupante nestes tempos, a simpatía por todo o que significa destrución. O
cine, a televisión e moitos autores de libros, empurrados pola industria, producen e xeran historias
que, en moitos casos, terxiversan a realidade para favoreceren a mitificación
idílica dos seus personaxes, incrementando determinados valores que deixan en segundo
ou terceiro planos o carácter real, no caso dos viquingos, a violencia pola violencia,
o asasinato, o xenocidio de aldeas enteiras, a pillaxe, o saqueo, as
violacións...
Galicia sente particularmente esa querenza;
ata hai unha multitudinaria festa viquinga que recrea como chegaban pola ría de
Arousa coas mesmas intencións que a calquera outro lugar que visitaran, morte,
destrución e saqueo.
As series televisivas e as películas de
diferentes sagas de guerreiros viquingos chegados dos países nórdicos son un bo
exemplo desa mitificación, na que a crueldade vese en todo momento xustificada,
tanto polos obxectivos marcados polos líderes dos saqueadores como polo
prestixio que lles outorgan as vitorias entre os seus. Todos os demais morren
ou, con sorte, foxen das súas terras, dos seus fogares.
No Gaiás, na Cidade da Cultura, hai unha exposición baixo o lema “Unha vida viquinga” que remata o día 5 de xaneiro de 2025. É un interesante achegamento a aquel modo de vida dos pobos nórdicos, con magníficos paneis explicativos e ben distribuída en compartimentos, recomendable para visitar, a pesar dos escasos artefactos orixinais expostos. O dito, nas sociedades acomodadas non resulta estraña a Simpatía polo demo, que xa cantaban os Rolling Stones.
Comentarios
Publicar un comentario