Notre Dame

 

Notre Dame, París. ©pemónbouzas 

París renace. Notre Dame volve abrir as súas portas reconstruída tras o devastador incendio sufrido en abril de 2019. Un dos símbolos da capital francesa volve brillar grazas aos máis de 800 millóns de euros recadados en doazóns, máis que suficientes para realizar a reconstrución do destruído e a restauración do danado. Notre Dame é moito máis que unha catedral católica, é un símbolo da cidade, de París, de Francia e de Europa. Foi templo da Razón durante a Revolución francesa, é arte en si mesma e forma parte do imaxinario literario, musical e cinematográfico de todos nós.

Altorelevos do coro, o Nadal. Notre Dame, París. ©pemónbouzas 

Á monumentalidade arquitectónica hai que sumar a riqueza escultórica , as pinturas e o coro, de madeira, que quedou moi danado. Afortunadamente foi reconstruído; os altorelevos que narran a vida de Cristo, dende a Anunciación ata a Paixón volven ilustrar os visitantes, o novo órgano vai encher de harmonía os muros e, nas alturas, mentres Quasimodo enreda coas campás que xa se escoitan en todo París, as vixiantes gárgolas deixaron de botar fume dende as entrañas para volver ao seu, posar  diante dos milleiros de cámaras que as van visitar cada día.

Enrique IV, o hugonote convertido ao catolicismo para ser rei, dixo “París ben vale unha misa”. Non estaba errado o ambicioso rei, xa que París ben vale unha visita, e outra, e outra, e moitas máis; sobre todo agora que Notre Dame recobrou o seu esplendor, aínda que non a visites porque desta volta vas ao Louvre, ou quedas en Montmartre, ou ocupas o tempo no Centro Pompidou, ou gozas do barrio latino, ou paseas por Ópera e Place Vendôme, polos Campos Elíseos, admiras “o bico” de Rodin en bronce nas Tullerías ou en mármore no Museo Rodín, ou tomas un café cun croisánt nunha terraza de Montparnasse, paseas polas beiras do Sena ou mercas un libro en Shakespeare & Company... Pero xa, outra vez, Notre Dame estará aí.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio

Cruceiros y "anxeliños" en Cuarto Milenio