Quen te viu e que te ve
Durante a primeira década do milenio e parte da segunda,
varios programas de televisión e de radio, en Cuatro e na Cadena SER, chegaban
a un público fiel, nunca maioritario pero si o suficiente como para manter en prime
time os programas, ávido de experiencias inexplicables, percepcións
extrasensoriais, fenomenoloxía ovni e historias que tiñan que ver con rituais e
tradicións ancestrais, xa foran no territorio español ou en calquera parte do
mundo, se eran rechamantes. E aí entrei eu. Autor, con Domelo, de Mitos,ritos
y leyendas de Galicia, un best-seller do xénero, chamou a atención de Iker
Jiménez e do seu equipo, aínda máis cando publiquei Cien cosas que hacer en
Galicia, libro tamén exitoso.
Fun varias veces ao plató da Nave do
misterio, participei de varias reportaxes e, vía telefónica, tamén no programa
radiofónico. Sempre fun tratado con esmero, con xenerosidade e ben acollido.
Sempre falei de tradicións galegas, de rituais ou de lugares con historia;
lembro particularmente as reportaxes en San Pedro de Rocas, na aldea maldita de
Rianxo ou doutro sobre cruceiros en varios puntos de Galicia e no plató.
Paseino ben porque falaba do que tiña estudiado, a tradición galega. Iker
Jiménez non esgotou parabéns aos meus libros, mostrándoos en directo aos
espectadores, algo que lle agradecín sempre e sigo agradecendo.
A deriva de moitos medios de comunicación,
sobre todo televisións, na procura dos cada vez menos espectadores, fai perder
o rumbo que todo medio xornalístico debería seguir permanentemente: informar,
entreter e instruír. Mais, as ganas de recuperar espectadores seguindo os pasos
dos charlatáns que teñen audiencias millonarias nas redes, a base de mentiras,
intencionadas case sempre, de noticias falsas, de provocación, crean esperpentos e levan ao desastre. E os programas actuais de Iker Jiménez, dos
últimos tempos, por desgraza, van por aí. Unha mágoa. E algo moi preocupante.
Comentarios
Publicar un comentario