Fortes e Vila-Sanjuan, imprescindibles

 


Hai libros que, de non seren imprescindibles, son, cando menos, necesarios. En la piel de los héroes de Xosé Fortes e Cultura española en democracia de Sergio Vila-Sanjuán están nesa categoría, a que ocupa un lugar privilexiado na miña biblioteca. O primeiro, polo repaso histórico dos derradeiros anos do franquismo e do comezo da transición democrática, dende o punto de vista dun oficial demócrata no exército franquista, e o segundo polo repaso histórico dende os albores da democracia ata hoxe do desenvolvemento e importancia da cultura en España.

Fortes narra en primeira persoa os seus movementos, e os dos seus compañeiros do que sería a UMD, Unión de Militares Demócratas, no seo do exército franquista (non do exército español, porque non servía ao pobo español, como ben apunta o autor) para intentar dar pasos de cara a conseguir unha sociedade democrática  que substituíra á sociedade esmagada polos golpistas. O repaso que fai Fortes no seu libro non so narra as vicisitudes polas que pasaron el e os seus compañeiros, pon no seu sitio os que trataron de impedir que nada do atado e ben atado se desatara e os que en maior ou menor medida mostraron simpatías polos seus esforzos. Ben contado, de xeito sinxelo a pesar de non ser doada a historia, apoiado en feitos, en declaracións e en perspectiva, ten o ritmo e intensidada da mellor das novelas de ficción. Publicado por Tusquets, para min é imprescindible.

Sergio Vila-Sanjuan viviu e vive a cultura española dende a redacción de cultura do xornal La Vanguardia (Dirixe o suplemento Cultura/s) dende que hai democracia. Non é doado facer un resumo do acontecido no eido cultural español e Sergio conseguiuno. Un repaso que devén emotivo no lector que viviu ese período, clarificante e recoñecedor das diferentes culturas que abrangue o territorio español. Lin este libro cun permanente sorriso nos beizos porque era como que  se me pasaran unha película vivida por diante dos ollos. Grazas Sergio por esta aportación tan marabillosa, publicada en Destino.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Cruceiros y "anxeliños" en Cuarto Milenio

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio

Semana Santa en la memoria