El Bosque” chegou a min cando era un rapaz, e impactoume. Ata entón lía ficción, pero este agasallo dunha boa persoa, maior, forasteira, que me convidara a facer piragüismo con el nunha embarcación de dúas prazas, pola ría de Arousa, actividade que repetín varios anos no mes de setembro, con pouco veraneante, ata que aquel home deixou de vir a Galicia, pasou a formar parte de min e das miñas lecturas.

O caso é que “El Bosque” é un libro editado pola revista Life en 1964 en inglés e en 1966 en castelán. Tanto a textura da capa, impreso en tecido, como as fotografías interiores, moitas delas realizadas en 1904, chamaron a miña atención, e a súa lectura como a observación das fotos representaron un novo meneo á miña querenza pola natureza, tal como me estaban educando na casa.

A segunda fotografía desta recensión foi feita en 1904 polos fotógrafos do Servizo Forestal dos EEUU. Impresionoume ver 86 persoas ao pe dunha sequoia pouco despois de que un leñador, un tal Boole, conseguira que a compañía madeireira indultara de ser cortada a sequoia que, daquela, xa debía medir preto de 20 metros de circunferencia, e uns setenta metros de altura. Hoxe en día, a sequoia de Boole (que así se chama) mide máis de oitenta metros de altura, anda polos 25 m de perímetro, sendo a sexta máis alta dos EEUU. Os botánicos calculan que debe ter uns 2000 anos de idade. A sequoia de Boole forma parte do Monumento Nacional de Sequoias Xigantes do Parque Nacional das Sequoias de California, a catro horas en coche  ao norte de Los Ángeles.

Gardo este libro nun lugar ben visible e vou a el con certa frecuencia. Algo se axita no meu interior cada vez que lle boto unha ollada a textos e, sobre todo, ás fotografías. E sempre me lembro daquel home, amigo dos meus pais, que me falaba de libros, de natureza, de deporte, namentres facíamos amplos traxectos na piragua.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Cruceiros y "anxeliños" en Cuarto Milenio

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio

Semana Santa en la memoria