De cando en vez escoito a Miles Davis,
preferentemente nos vinilos que teño do músico de jazz norteamericano.
Particularmente, gústame un disco
titulado “Sketches of Spain” publicado por vez primeira en España en
1967. Abre a cara B do disco un tema titulado The Pan Piper sobre o que
o especialista Paco Montes, autor da recensión da contraportada do
disco, comenta que é unha alborada, unha canción da mañá, sen máis aportación.
Certamente, The Pan Piper é unha alborada recollida polo folclorista
norteamericano Alan Lomas quen percorreu a península nos anos 1952 e
1953, acompañado pola súa asistente Jeanette Bell, gravando en magnetófono,
fotografando e facendo recensións de todo o folclore español ao que puido ter
acceso en tan ardua tarefa.
O traballo de Lomax tivo tanta repercusión nas esferas intelectuais e musicais norteamericanas que chegou a oídos do trompetista Miles Davis quen, coa inestimable colaboración do pianista, compositor e arranxador musical canadense Gil Evans, gravou o disco do que estamos falando. Para nós, os galegos, ten unha relevancia enorme que unha figura da historia universal do Jazz escollera a Alborada de Vigo, recollida por Lomax, e a incluíra no seu disco, no que tamén estás as súas versións do Concerto de Aranjuez de Joaquín Rodrigo, o Amor Brujo de Falla e unha impresionante Soleá que conmove a pechar o disco.
Miles Davis. Jazzaldia Gasteiz ©pemónbouzas |
A foto de Miles Davis fíxenlla en 1988 no Festival de Jazz de Vitoria-Gasteiz.
Cando tiña un programa musical na radio, nos meus comezos, xa contaba esta
historia que aínda pasa desapercibida
entre os seguidores do músico.
Comentarios
Publicar un comentario