Morte e tradición, Bretaña
Nestas datas, a tradición e as crenzas, empúrrannos
cara os camposantos coa teima de limpar e engalanar as tumbas, os panteóns e os nichos para que os días 1 e 2 de novembro,
celebracións de Todos os Santos e Defuntos, luzan impolutos; de tal xeito que cando
visitemos nesas datas os nosos mortos, vaiamos máis alegres e sintamos mellor
as querenzas que nos unen a eles e que os manteñen vivos.
Vivimos nunha terra que convive coa morte,
que a mira de cara, que non a desexa, pero que xa levou seres queridos. En
Galiza son moitas as tradicións e as lendas asociadas coa morte, como noutros
territorios que se autodefinen atlánticos ou celtas na mesma medida que nós
podemos pertencer a esa cultura. Os bretóns, ese pobo que habita a que foi a
lendaria e antiga Armórica, teñen tradicións similares, moi pegadas á morte. Teño
visto fotografías de mercados que se facían entre as tumbas dos cemiterios
parroquiais, os espazos máis grandes nos centros das vilas.
Durante as primeiras décadas do século XX,
o antropólogo bretón Anatole Le Braz foi recollendo por amplas zonas do norte
de Bretaña e do Bass-Cornuaille centos de lendas que lle transmitiron homes e
mulleres no seu idioma propio desa parte
de Bretaña, o bretón, na parte oriental falaban o galó. Todas, directa ou indirectamente, estaban
relacionadas coa morte, e todas, sen modificar nin unha palabra, están
recollidas no libro “La legende de la mort” que publicou en 1928. Se as
tradicións e os idiomas seguían vivos e presentes na sociedade bretoa daquela
época, hai cen anos, tanto unhas como outros fóronse esvaecendo co paso dos
anos. Quen me agasallou con este libro, Denez Abernot, é un dos humanistas que
loitan, con obras, pola recuperación da identidade.
Os sinais, a partida da alma, antes da morte, os enterramentos, ou l’ankou son capítulos nos que agrupa esas lendas que non sonarán estrañas aos galegos. O Ankou non é a morte nin o demo, e a personaxe con forma de esqueleto con gadaña que acompaña os mortos ao inframundo, unha especie de guía moi presente na tradición.
Tamén falo desas tradicións na miña viaxe
armoricana “Novos pasos por Bretaña” que editou Xerais.
Comentarios
Publicar un comentario