Falando galego nas alturas
Foi unha alegría inmensa sentir dous
galegos falando no seu idioma onde nunca o sentira antes, nun avión A320, en
pleno voo. Non eran pasaxeiros, que algúns había falando galego, eran
tripulantes de cabina. Teño voado polo mundo pero nunca, xamais, ata hai uns días sentira falar en galego entre
eles a dous tripulantes. Era o momento de ofreceren de beber aos pasaxeiros e,
mentres preparaban as demandas dos viaxeiros que se atopaban diante de min,
entre azafata e azafato conversaban en galego.
Cando chegou a miña quenda de demanda de
bebida, dirixinme a eles expresando a miña inmensa alegría por sentilos falar
en galego: “E que somos galegos” respondeu a moza. E efectivamente, ela é da Pobra
do Caramiñal, con ese acento (ler con seseo) tan peculiar, e el de Boqueixón.
Nuns tempos nos que semella, os informes
así o reflicten, que o galego vai retrocedendo na fala, sobre todo nas cidades,
pero o que é mais grave, nas escolas (os nenos galego falantes na casa volven
dos colexios e institutos falando castelán), unha anécdota como esta, nas
alturas, de escoitar como falan en
galego resulta unha pequena fiestra de esperanza. Quizais non todo estea perdido.
As políticas lingüísticas van xirando en
contra do noso idioma materno, cunha redución das horas lectivas nas escolas,
coa case desaparición nos hospitais galegos onde as mensaxes xa son so en
castelán, nos medios de comunicación (semella que mais pronto que tarde tamén
nos medios públicos). O idioma pertence ao pobo, non a ningún partido político,
porque os idiomas non teñen ideoloxía, so teñen identidade, alma, pero son
usados por partidos e por políticos vergoñentos que non teñen respecto pola súa
propia orixe.
So nos queda seguir falando galego porque
é o noso idioma, sen máis. Pero, para que serve o galego? Preguntan moitos,
como querendo dicir que non serve para nada, habendo castelán e inglés. So hai
unha resposta: serve para que nos comuniquemos entre nós os galegos. Non o
falamos para atacar nin menosprezar ningún outro idioma.
Comentarios
Publicar un comentario