Descifrando a Tapies
De súpeto, alguén pronuncia unha frase e faise a luz, comprendes o que ata ese instante resultabache inaccesible. A frase pronunciouna Pablo Allepuz, xefe de colección do Museu Tapies de Barcelona, un mozo cordobés brillante quen, sabedor da miña ignorancia, dixo que para entender a Tapies tiñamos que facer o mesmo que fixo o artista para pintar, descolgar o lenzo do atril e pousalo no chan e, a partir de aí, ir poñendo cousas, materia, conceptos…, enriba.
E, obviamente, os cadros de Tapies están colgados das paredes, do seu museo, de moitos outros museos e de coleccións particulares. Pero ao observalos hai que entender que son anacos de chan co que haxa sobre eles.
Fun varias veces ao Museu Tapies, antes fundación, pero esta vez estaba Pablo Allepuz para ilustrarme. Saín do museo entusiasmado como un neno pequeno cun xoguete novo. Non fun o único, o museo estaba cheo de xente de Barcelona e do mundo, xente que seguramente comprendían a Tapies, xente interesada en aprender coa arte dun informalista revolucionario, en todos os sentidos.
Comentarios
Publicar un comentario