Xacios, os seres anfibios dos nosos ríos
Xacios, no Mosteiro de Santa María de Montederramo. ©pemón bouzas |
Os da foto son os únicos “xacios” que eu vin. Iso non quere dicir que non haxa mais nin que non existan. Estes seres, os “xacios”, entran e saen do noso mundo sen seren vistos, excepto cando eles asi o deciden. Moitos milleiros de anos antes de que Kevin Costner protagonizara a película Waterworld xa existían en Galicia estes seres anfibios que moraban nas pozas dos ríos Miño e Sil. Con forma humana, de home ou muller, de cintura para abaixo teñen forma de peixe, como as sereas ou os mariños, outros dous seres máxicos anfibios, pero que enredan no mar. Os xacios que eu vin, están na igrexa do mosteiro de Santa María de Montederramo, nunha das xoias arquitectónicas do románico da Ribeira Sacra.
As lendas arredor destes seres falan máis de femias, de xacias, sorprendidas normalmente por seres inocentes que acaban engaiolando, regalando con tesouros que poden conservar se cumpren algúnhas condicións, como non falar do encontro con elas con ninguén. A necesidade humana de compartir segredos leva case sempre á traxedia e, nestes casos cos xacios, os humanos que incumpren as condicións dadas non so perden os tesouros cos que foron agasallados, senón que perden a vida, xa que son deborados polos seres anfibios que manteñen así o seu segredo existencial.
O mundo tal como o ceñecemos os humanos ten portas que se abren a outros mundos, os do inframundo, onde habitan seres máxicos quese moven baixo unhas leis moi particulares que os humanos debemos respectar. Eles entran e saen cando queren. Nós non.
Claustro cuberto. Mosteiro Santa María de Montederramo ©pemón bouzas |
Comentarios
Publicar un comentario