Matanuska valley & glacier

 

Matanuska valley & glacier. Finais de Agosto ©pemón bouzas

A primeira vez que o vin impactoume. Foi como unha aparición tras un cambio de rasante. Pola dereita, na estrada que vai  dende Anchorage, a cidade máis populosa de Alasca, ata Glennallen apareceu un rechamante val, ancho, polo que discorría o río Matanuska formando moitos meandros e illotes sedimentarios debullando unha paisaxe de gran beleza. Un pouco máis adiante, cando as árbores o permitiron, apareceu ao fondo o enorme glaciar Matanuska. Un glaciar de máis de 6 km de anchura  no seu remate e que avanza en varias linguas de xeo uns 20 ou 30 Cm cada día. Dende lonxe, hai varios miradoiros a carón da estrada que permiten unha visión global, a vista é espectacular, un agasallo da natureza. Porén, hai unha estrada de grava que remata en varias zonas de estacionamento, non demasiado lonxe do pe do glaciar.

Primeira viaxe 

Este é un dos paraxes de Alasca que máis me impactou. Na radio do coche, nunha emisora que programaba clásicos do rock, con separadores que dicían “golden oldies all the time” sonaba no momento do descubrimento do Matanuska valley & glacier a canción de The  DoorsRiders on the storm”.

Se a primeira vez que fun había un so miradoiro público, co paso dos anos apareceron outros lugares  dende os que se pode observar de lonxe o grandioso glaciar, así como cabanas para que aluguen os visitantes e empresas que ofrecen percorridos ata o pe do glaciar. Estou seguro que o glaciar Matanuska está afectado polo cambio climático, quizais non como outros que vin desaparecer, debido neste caso a ser un dos máis grandes de toda Alasca.  Se considero que son poucos os esforzos que facemos para frear o deterioro do noso planeta, a nosa casa, o noso único fogar, non so debemos loitar contra o cambio climático pola nosa supervivencia como especie, tamén debemos facelo para preservar lugares como o val e o glaciar Matanuska, no corazón de Alasca.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio

Cruceiros y "anxeliños" en Cuarto Milenio