Astros tráxicos e Apocalipse (Now)
A Lúa chea no solpor. ©pemón bouzas |
Astros tráxicos no firmamento. O sol ao amencer e a lúa no solpor, tinguidos de vermello, furando coa súa luz, cando poden, unha boina de cor plúmbica instalada no ceo sen apenas deixar entrever no horizonte o azul do ceo. "Apocalipse" é a palabra que máis se le en redes. Porén "Apocalipse" cobra máis valor cando a sentes en boca da xente do común, que dirían algúns, dos veciños. Estes contemplan ofendidos como o home, nós, somos quen de seguir teimudamente estragando a natureza (que non é unha palabra), a terra, o planeta no que vivimos. Estamos a falar da capacidade humana de destruir a súa propia casa!!!
Arde Portugal. Morre xente, algúns bombeiros. O fume cubre Galicia. Apocalipse pode ser unha palabra demasiado dramática pero quizais moi acaída nestes momentos.
Robert Duvall surfeaba as ondas nas praias de Vietnam cun cigarro habano nos beizos mentres o solpor remataba de tinguir de vermello o que queimaba o napalm. Apocalypse Now non é so unha película. É unha traxedia.
Impotencia. Outra palabra que define o sentimento dos portugueses que sofren os incendios, dos veciños que pouco poden facer, dos bombeiros e de todo o persoal que loita contra o lume, sobrepasados por tanto terror, os que o miramos de lonxe, dende as nosas casas, quizais porque apareceron no ceo os astros tráxicos e fomos quen de albiscar esoutra dimensión que trae á nosa mente outra palabra: solidariedade.
Solidariedade, outro sentimento? Serve de algo a solidariedade de boca grande, de foto? ou hai que demostrar esa solidariedade con feitos? como? de que xeito?
Comentarios
Publicar un comentario