Xornada de reflexión en Normandía
![]() |
Lápida dun soldado de 17 anos e dun criminal de guerra Cemiterio alemán de La Cambe, Normandía ©pemón bouzas |
Cada ano son menos os veteranos sobreviventes daquel fito
heroico e histórico homenaxeados nas conmemoracións do Desembarco. Sempre houbo
visitantes acompañando os seus maiores aos lugares conmemorativos, cemiterios,
monumentos, as propias praias do desembarco... onde era doado ver excombatentes,
mutilados de guerra ou non, acompañados por fillos e netos, lembrando aqueles
días tráxicos que viviron e sufriron, onde perderon amigos, compañeiros e una
parte das súas vidas. 80 anos non son nada e, coa axuda da literatura, o cine ou
as series de tv, tamén o turismo de masas deixouse caer por Normandía na procura
dunha foto, ou de pisar ou ver un lugar histórico. Moitos visitan o cemiterio
norteamericano situado a carón da praia de Omaha, tamén os cemiterios ingleses,
canadianos, australianos... Son menos, ou moi poucos, os que visitan o desolado
e desolador cemiterio alemán situado en La Cambe, onde comparten a gravidade da
terra criminais exterminadores das SS xunto a soldados (?) de 16 ou 17 anos de
idade. Un paseo, respetuoso, como cando se visita calquera outro camposanto ou
memorial, da idea da barbarie do que fixeron en toda Europa, e do que lle
fixeron aos seus propios rapaces alemáns, conducidos a unha morte segura por
seguiren os líderes nazis abandeirados do fanatismo.
Ilustro esta nota coa
lápida do asasino criminal de guerra Adolf Diekman que ordenou a matanza de Oradour-sur-Glane, no
centro de Francia, onde asasinou 643 persoas, dos que 207 eran nenas e nenos e
255 mulleres. Comparte terra e lápida con este criminal un neno de 17 anos,
soldado granadeiro, arrostrado a unha guerra pola voráxine de fanatismo na que
creéu toda Alemaña e que tan caro lles costou a eles e a todos os europeos. Non
repitamos a historia, quizais desta volta non haxa ninguén que veña axudar.
Comentarios
Publicar un comentario