Quen anda aí? (Return to forever)
Bonsai Xunípero 1 |
Aproveito o nome dunha formación musical que
iniciou a súa andaina en 1971, liderada por Chic Corea e Stanley Clarke, das
pioneiras no jazz fusión, para proporme unha declaración de intencións, de
regreso á escrita, á bitácora, na que reflectir opinións sobre o que me
importa, e o que me importa xa xurdiu en entradas vellas e ireino debullando nas sucesivas.
Seguindo coas referencias musicais, este tempo
de ausencia non foi voluntario, tivo que ver mais cunha visita ao Hotel
California, ese no que habitan os diaños que moitas veces impiden atopar a
saída real á rúa, ao mundo. Un mundo, por certo, que moito máis alá da pandemia
e do virus que se está a converter en endémico, atopei do revés. Que preguiza!
Terei forzas dabondo para enfrontarme a el? A resposta está nos bonsais nos que
dende hai décadas me refuxio; se te ergues podes ver moito máis alá, se separas
as pólas, hai horizonte, e habéndoo un debe ter en conta a frase atribuída a Bertold Brecht “hai homes
que loitan un día e son bos, hai homes que loitan un ano e son mellores, hai quen
loita moitos anos e son moi bos, mais os que loitan toda a vida, eses son os
imprescindibles”. Coñezo algúns, afortunadamente. Eu quero ser mellor cada día.
De momento, deixo atrás uns meses de inmersión
na poesía como nunca antes tivera feito con tal intensidade. Xela Arias, José
Hierro, Antonio Lucas, Gerardo Diego, Rubén Darío, Lord Byron, Wordsworth,
Coleridge, Shelley, Keats, J.A. Goytisolo, Antonio Machado, Rimbaud, Luís García
Montero e Paul Valery foron os meus compañeiros de viaxe. Un pouco de todo, de
distintas épocas, terras, estilos, correntes e... so unha muller entre tanto
home, unha galega sublime. Grazas a eles e a moitos outros narradores entre os
que están mulleres como Emilia Pardo Bazán,
Chima Achebe, Fred Vargas, Katherin Mansfield e Marilar Aleixandre, son
algo mellor. Lembrar aquí algúns dos compañeiros de viaxe so quere provocar ansias por ler en quen ande aí.
Quen anda aí?
Grazas por estar.
Comentarios
Publicar un comentario