A peste (NON Á GUERRA)



O ser humano non aprende porque non ten memoria nin a quere ter. Albert Camús publicou en 1947 a novela “A peste”; unha obra esencial na literatura universal na que narra a chegada da peste a cidade alxeriana de Oran. Reproduzo de seguido un breve fragmento: Houbo no mundo tantas pestes como guerras e porén, pestes e guerras collen as xentes desprevidas sempre... Cando estala unha guerra, as xentes din: “Isto non pode durar, é demasiado parvo”. E sen dúbida unha guerra é evidentemente demasiado parva, pero iso non impide que dure. A estupidez insiste sempre, un decataríase diso se non pensase sempre en un mesmo.



Hai dous anos, por estas datas, moita xente aínda pensaba que o do COVID-19 era un mal de chineses e de italianos despistados. Neses dous países os mortos contábanse por milleiros e os datos so preocupaban a sanitarios, científicos e inmunólogos. Por estas datas, semana arriba semana abaixo, comezaban as restricións e a corentena, moi criticada en España  por millóns de persoas e por varios partidos políticos, da oposición, ata que as mortes e a saturación hospitalaria fixo que calaran a boca, e non todos.

A última semana empezou un novo conflito bélico, a invasión de Ucraína polas tropas rusas comandadas polo obsceno oligarca ditador Vladimir Putin.

Nin a COVID nin a guerra chegaron de onte para hoxe.  Se no caso da COVID houbo milleiros, diría millóns de persoas que non a viron vir, no caso da guerra, dos posibles movementos imperialistas de Putin e a súa pretensión de restablecer como imperio o que antes fora a URSS, semella que tampouco. Pero hai matices: cando Angela Merkel supeditou o cento por cento do gas e do petróleo de Alemaña a Rusia houbo quen a criticou polos riscos que podería supoñer. Aquelas poucas voces tiñan razón: foi marchar Merkel e Putin lanzar o primeiro ataque (segundo despois de anexionarse CrimeA, que pertencía a Ucraína) expansionista sen contemplacións.

As restricións da Unión Europea serían hoxe maiores se Alemaña non dependese do gas e do petróleo rusos, e moitos outros países da Unión non dependesen noutras importantes porcentaxes. Tempo tiveron para verlle as orellas o lobo.

Polo demais, falando de Europa, a esta hora todos pagamos máis polos combustibles e polos produtos de primeira necesidade; e os ucraínos buscan refuxio noutros países e os que quedan loitan polo seu. NON Á GUERRA.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

Francisco Caamaño en el Ministerio de Justicia

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio