Setembro


Gústame o sol, quizais por iso o verán é a miña estación predilecta e agosto o més que considero especial, tal vez tamén porque nacín en agosto. Porén, cando penso en viaxes vacacionais, os meus primeiros pensamentos lévanme cara o norte, a lugares fríos ou, cando menos, non cálidos. Pero sempre preciso aproveitar un puñado de días nos que o sol me invite a nadar e nadar nas praias galegas e a facer acopio natural de vitamina D para enfrontar o inverno con forzas renovadas, con palpitos vitais dabondo para vencer humidades, fríos e escuridade.

Son eses días nas praias polas que teño querenza os que fan de setembro un més cargado de nostalxias, de valeiros, de saudades... por un tempo que quedou atrás cheo de areas nos pes, de salpicaduras, de nenos correndo cara a auga, de acentos forasteiros, que traen á miña memoria de xeito inexorable cada ano a novela da francesa Françoise Sagan "Bonjour Tristesse".
A esa nostalxia engádese moitas veces a permanente incerteza dun novo curso laboral, de novos proxectos, de vellos proxectos reformados, de novos compañeiros; incerteza que se incrementa nos últimos tempos polas inseguridades dunha pandemia e das súas consecuencias, esas que nos confinaron, que reduciron o noso mundo a uns poucos metros cadrados nos que faltaron apertas, bicos, sorrisos e voces familiares, de familiares e amigos, sempre tan necesarios, simplemente paliados superficialmente por videoconferencias, redes sociais e outras lerias tecnolóxicas coas que o contacto real non existe, o do roce de pel con pel, o dos outros sentidos, o do tacto, o do olfato, o do gusto, sen esquencer que o oído e a vista tamén son fundamentais cara a cara, sen pantallas mediante.
Setembro pode significar unha volta de rosca máis de ensoñamento e de novos propósitos ou de frescura para propósitos non tan novos,
pero sí ilusionantes. Setembro é o més no que é preciso coller canto antes as rutinas para levar mellor os retos que outono e inverno nos deparen.
Un bo libro nas mans vai axudar a instalar o pouso das vivencias estivais na alma.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

Francisco Caamaño en el Ministerio de Justicia

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio