II North American Symposium of Galician Studies - University of Michigan-Ann Arbor. A Cuestión Nacional e 4: educación e futuro
![]() |
Diante do edificio da Biblioteca da University o Michigan |
Certamente, as institucións políticas galegas teñen nas
súas mans a posibilidade de promover, incentivar e divulgar a cultura galega
polo seu valor intrínseco, sen atender a
connotacións políticas ou ideolóxicas, sen miramentos e comparanzas co castelán
ou con outros idiomas dos que as culturas e os idiomas minoritarios están
sempre en desvantaxe. A cultura propia, o idioma propio, son a base, os
alicerces para comprender o noso e para entender mellor outras culturas e
outras linguas; non esquezamos que as porcentaxes de coñecemento de outros
idiomas, inglés, francés, alemán..., son superiores nos territorios nos que
ademais do castelán se fala unha lingua propia, como é o caso de Cataluña,
Comunidade Valenciana, Illas Baleares, Euskadi e Galicia. “Vontade” é a palabra
clave para as institucións xunto a “fomento”
para por riba da mesa a definitiva “medios”, medios económicos e humanos para
que o proxecto teña futuro.
Qué dicir do ensino, en primaria e secundaria é
fundamental non so o emprego de idioma senón a implantación da historia e da
cultura galegas como elementos fundamentais para o coñecemento do propio. A
universidade debe xogar o papel capital de formar as elites para que o fío do
galego se consolide xeración tras xeración.
Namentres, e paralelamente, os medios de comunicación,
sobre todo os públicos, teñen a permanente débeda existencial de promover e
divulgar a cultura galega, na expresión máis ampla do termo, dende o uso
normalizado do idioma. Non se trata unicamente de programar espazos nas
televisións, realizar horas de emisión radiofónica ou destinar un número
determinado de páxinas nos xornais, non; do que se trata é de que o noso ocupe
liñas transversais na comunicación que van, por por o exemplo dunha televisión,
dende os espazos estritamente culturais, máis destinados nun principio a
sectores intelectuais da sociedade, ate os destinados ao mero divertimento ou
os que son de corte máis informativo. Ese é un esforzo esixible e necesario
para darlle valor a nosa cultura, de tal xeito que chegará o día no que o
coñecemento do noso por amplos sectores da sociedade repercuta de tal xeito que
nos sintamos orgullos do feito diferencial e da riqueza que iso leva de seu.
![]() |
Un viño na casa de Cristina Moreiras, a nosa anfitriona en Míchigan co fotógrafo Manuel Sendón e cos escritores Suso de Toro e Miguel Anxo Murado |
A creatividade está garantida polas calidades dos creadores,
pero en permanente risco de desaparición por mor das dificultades económicas
para levar adiante esa creatividade. No cine, Galicia está dando mostras da súa
valía con proxectos moi interesantes recoñecidos dentro e fora do territorio
galego, pero non esquezamos que estamos moi lonxe do que están a facer en
Cataluña e noutros lugares, sobre todo no tocante a infraestruturas e
presupostos. O audiovisual galego é unha das boas noticias grazas á existencia da
propia Televisión de Galicia que se
converteu no dinamizador dun sector practicamente inexistente. No tocante ás
artes plásticas, a situación é desesperada, cada vez hai menos galerías, cada
vez se move menos o mercado do arte, cada vez é máis difícil para o artista dar
a coñecer a súa obra e vivir da creación.
No eido literario, á crise económica que golpeou de xeito
forte ás editoriais galegas hai que sumar
a mal chamada piratería, o roubo de contidos por descargas ilegais a
través de Internet, un problema que coñecen ben os músicos e todo o sector
audiovisual.
Ende ben, a poesía galega está a gozar de boa saúde
grazas a xente nova que chega ilusionada e con moito que expresar. Do mesmo
xeito, teño que dicir que a narrativa está nun bo momento. Hai un par de
décadas, os referentes literarios galegos contábanse cos dedos das mans, felizmente,
a creación literaria foi medrando dun xeito paralelo á calidade dos textos que
se publican e publicaron nos últimos anos. E non resulta doado facelo. Vivir da literatura é un luxo que non sei si
algún galego se pode permitir na actualidade. En todos os casos, como xa dixen
anteriormente, é necesario crear en galego, expresar ideas, sentimentos contar
historias en galego como se contan noutros idiomas, historias que afectan a
galegos, que suceden en Galicia, que importan aos lectores galegos porque se
identifican con elas.
![]() |
Debate durante un dos paneis do congreso con Xulio Sousa (ILGA), Gabriel Rei-Doval (Univ. Wisconsin-Milwakee), Obdulia Castro (Regis Univ.-CO) e Gabriela DeRobles (Georgetown Unv, Wasingtong DC) |
Se nos emocionamos cando lemos unha historia que sucede
nas rúas de Tokío ou nunha aldea do Xapón escritas por Murakami, ou cando
sentimos o que senten personaxes de Paul Auster no campus de Columbia, ou co que lle sucedía a persoas
de pequenas vilas do sur de Suecia na
obra de Henning Mankell entendemos a frase de Umberto Eco: “Cando consideramos un libro, non debemos
preguntarnos qué di, senón qué significa”.
Comentarios
Publicar un comentario