II North American Symposium of Galician Studies - University of Michigan-Ann Arbor. A Cuestión Nacional 3: Historia e tradición
![]() |
Ao remate dunha xornada na porta do Rackham Auditorium |
Se facemos caso da segunda acepción do termo “cultura” no
dicionario Xerais: “Conxunto de
tradicións e formas de vida dun pobo, dunha sociedade ou de toda a humanidade”,
teño medo de que a tendencia sexa uniformista e globalízante sen que se tomen
medidas para frear ou reconducir o patrimonio intanxible do noso pobo adaptando
a súa narración e pervivencia ás novas canles, aos novos tempos á sociedade
actual e facendo un esforzo para que o ensino se converta no que foi a
tradición oral ao longo dos séculos.
Para Castealo “A nosa tradición revélase no idioma, no espírito, na cultura, no arte,
no xeito de vivir e de pensar, no sentido trascendente da vida e da morte, no
afán de universalidade e de particularidade, na identificación amorosa coa
terra, na predisposición á poesía... A tradición é todo aquilo que endexamais
nos traizoará”. No mundo globalizado
no que estamos empezando a vivir, a tradición, como patrimonio intanxible que
é, debe ser protexida; e dende o meu entender, esa protección pasa por
incorporar eses elementos que forman parte do noso pasado inmaterial ás canles,
ás estruturas, dos novos medios, para que se constitúan en novos alicerces do
pasado de cara ao futuro, neste caso do futuro do pobo galego como tal.
![]() |
Con Cristina Moreiras (Univ. Michigan), antes de cear |
Dende o punto de vista da creación literaria, defendín,
defendo e defenderei, a liberdade de cada creador á hora de decidir qué
escribir. Non é doado, porque moitas veces pesa máis a sociedade á que
pertencemos, supostas débedas históricas, supostos compromisos sociais,
ideolóxicos, relixiosos, suxestións editoriais sobre temas de moda” que
“venden”, que se mostran como pesadas ancoras lastrando o potencial creativo do
autor ou da autora. Sobre este tema
Manuel María, a quen este ano está dedicado o Día das Letras Galegas dicía
nunha conversa con Xosé Manuel del Caño en 1990 “A literatura galega compre explicala e entendela dende unha óptica
propia e non como un apéndice da española ou un subproduto de escolas e de
modas... Se a nosa cultura no se explica dende a realidade
socio-político-cultural do noso país, non se entende absolutamente nada”.
Manuel María tamén dicía: “O escritor
debe, ante todo, escribir ben... pero o escritor galego debe escribir, en
principio, para os galegos e coa mentalidade posta no seu país e non en Madrid”.
![]() |
Con Obdulia Castro (Regis University - Denver CO) |
A riqueza dun pobo apóiase na súa historia e na súa
tradición. Nos feitos acaecidos no seu territorio xeográfico ao longo dos
séculos, no caso galego o xeito de afrontar a vida por parte dos pobos
primixenios, os prehistóricos e a partires de aí, a chegada por terra ou por mar de celtas, fenicios,
gregos, romanos, suevos, árabes, todos coas súas pegadas culturais, ás que dende a Idade Media hai que incorporar
as chegadas dende Europa a través do Camiño de Santiago. Nos non estamos a
falar de fitos que lembran conquistas, estamos a falar de desenvolvemento económico, agropecuario,
comercio, etc. Cada incorporación aportou o seu modo de entender a vida, as
súas propias tradicións que foron modelando as que xa había para que con esa
suma o enriquecemento cultural fose medrando como se tratase dun abono para a
terra que agoirase un prometedor futuro. Como dicía Filgueira Valverde “imponse a necesidade de que todos nós
teñamos ideas xustas sobre o noso pasado para albiscar a liña que temos que
seguir no porvir”.
Todos eses aspectos histórico-culturais están presentes no ADN, no pulso vital dos
creadores galegos. Están, xaora, nas súas obras, tanto no xeito de entender a
creación, a alma do continente, como no contido, no que transcende como cadro,
escultura, música, poesía ou narración
literaria. A creación convertese nun legado que reflicte a sociedade actual ou
os problemas actuais con perspectiva histórica, o mesmo narracións que evocan a
propia historia galega ou dos galegos. Esa é a conexión co pasado, ese é o
legado cara o futuro.
Na actualidade estamos a vivir tempos de incerteza
política provocada polas incapacidades dos partidos tradicionais que sofren de calcificación
estrutural de aparatos viciados, afastados da realidade das rúas, e polo
agromar de formacións cidadás e asociativas apoiadas en maior ou menor medida
en organizacións minoritarias ou esgazadas de outros partidos que aportan
frescor á vida política, pero tamén certa desconfianza. Diante deste panorama
so se pode afirmar sen medo ao erro que o presente está parado e o futuro por
chegar. Debemos ter fe, como dicía
Castelao. Este paro tan significativo que ten a cultura galega atada de pes e
mans non pode nin debe durar moito máis.
E de cara ao futuro inmediato, temos que ser quen de recuperar a normalización
do galego, idioma, historia e cultura, no ensino, non so como idiomas, senón
como idea que afecte a alma dos alumnos, a identidade das persoas que conforman
a identidade dun pobo. Ese esforzo témolo que facer nos, sen esperar que no lo
fagan outros, que a divina providencia en forma de políticas educativas (sobre
todo se quen goberna non cre na identidade galega, en Galicia), culturais tome
o mando. O pasado máis recente fala ás claras do fracaso para a cultura dun
pobo definida e decidida grazas a
actuacións permanentemente subvencionadas. Políticas activas de normalización
cultural, para o fomento da creación dende a base, para que agromen creadores
que poidan ser tidos en valor pola súa propia sociedade para que tamén poidan
transcender máis alá de Galicia, noutras sociedades, noutras culturas. Creo no
mecenado, creo nas políticas de fomento da cultura, non creo no clientelismo, non
creo nun país subvencionado.
Para chegar a iso, hai que volver a aproveitar as elites,
dende o tecido empresarial ate o universitario, a intelectualidade, a quen
defende a identidade propia transversalmente en todos os sectores da sociedade,
eses que poden inspirar “unha rexa vontade colectiva para facerse
respectar” da que falaba Castelao, eses que representan o “poder
máxico da terra”. Manuel María dicía: “Entendo
que existe unha importantísima minoría cualificada moi concienciada en todo o que se refire a
Galicia e á súa cultura, á súa lingua, e ás súas necesidades políticas. Isto
non chega”. Pero está nas nosas mans, non podemos esperar que chegue coa
choiva, temos que ser nos os que sintamos o pulso cada día para converternos en
espellos dos que veñen detrás.
(continuará)
Comentarios
Publicar un comentario