II North American Symposium of Galician Studies - University of Michigan-Ann Arbor. A Cuestión Nacional 1: Introdución
![]() |
Detrás de Cristina Moreiras e rodeado de invitados e investigadores no campus de Ann Arbor - Míchigan |
Mesa Redonda de Clausura. Sábado 23 de abril de 2016
Sobre a Galicia de hoxe (1). Pemón Bouzas
Castelao,
na obra fundacional do nacionalismo galego “Sempre en Galiza” dicía con
rotundidade: “Eu renego da historia de Galiza, porque o pasado so nos deixou
desilusións de vida e nin tan sequera sabemos cal foi o seu mellor propósito. O
milagre da existencia diferenciada de Galiza, a través de tantos erros e
miserias históricas, proba que do chan galego xurde unha enerxía incoercible,
capaz de facernos inmortais. Eu, polo tanto, confío na soberanía natural de
Galiza, que so agarda por unha rexa vontade colectiva para facerse respectar...
E claro que renego do pasado porque o feito diferencial de Galiza xa supera, na
conciencia e na vontade política dos galegos de hoxe, a todos os feitos
rexistrados na súa historia. Eu solo confío no poder máxico da terra e no
porvir que presentimos a través da nosa fe”.
Eran tempos de Guerra Civil cando
Castelao afirmaba iso. El renegaba da historia, do pasado galego, pero
confiaba, tiña fe, na soberanía natural de Galiza, no poder máxico da terra de
cara ao porvir.
![]() |
Repasando, antes de intervir, con Eloy Enciso e María Reimóndez |
Non sei que pensaría
hoxe, da situación actual, da historia recente na que, grazas á recuperación da
democracia, Galiza conseguiu a autonomía, na que destas décadas se fala xa como
as do rexurdimento da cultura galega que significaron momentos de esplendor. Nunca o cualificaría
como algo parecido ao “século de ouro” da cultura galega, para non alporizar a
ninguén, nin a Miguel Anxo Murado que afirma que foi ese rechamante século da cultura
española a que máis dano fixo a Galicia e aos galegos como pobo, como
identidade e como cultura, nin a outros que defenden sen reparos tempos pasados como os de máximo
esplendor. “Ten tanta dor a historia
galega, tanta dor descoñecida, insospeitada, até negada, que o seu coñecemento
determinará no pobo o anceio de estragar un dia a gaiola dos saliaos para vivir
a ledicia” apuntaba Xosé Filgueira Valverde nun artigo publicado en xaneiro de
1926. Por iso, non dubido en afirmar que
hai rumorosos deixando as súas pegadas creativas como nunca antes pasara.
Certamente,
o feito de lograr institucións galegas emanadas da vontade do pobo en forma de
parlamento e de goberno galego significaron un pulo importante para a
recuperación, dignificación e defensa da cultura galega, empezando pola nosa
lingua. Non teño ningunha dúbida de que a creación dos medios de comunicación
públicos significou moito, do mesmo xeito que a implantación do ensino en
galego, co que a lingua e a cultura saíron fornecidas. Os medios privados contaxiáronse dese pulo e prestaron maior
atención ao galego, incluso con textos en galego, eventualmente, ou con medios
que empregaron o idioma de xeito continuo, lamentablemente, os primeiros en
desaparecer.
As
crises económicas e financeiras non so actúan dende parámetros macroeconómicos afectando a
multinacionais máis poderosas que moitos países, actúan sobre nacións, arruinando estados democráticos
inmersos en débedas impagables; actúan, tamén na economía de a pe, esa que
derruba pequenas e medianas empresas, arruína familias, xera cifras arrepiantes de parados e provoca
fame. Nunha economía como a galega, cun tecido industrial feble, altamente
dependente do sector primario e, dende que temos autogoberno, das axudas deste
ou das que chegaban dende a Unión Europea, a crise ía afectar moi directamente
á cultura.
(continuará)
Comentarios
Publicar un comentario