II North American Symposium of Galician Studies - University of Michigan-Ann Arbor. The crucible vs A voz do vento
Cristina Moreiras. Discurso inaugural do congreso. Con Gabriel Rei Doval (Univ de Wisconsin) e Valentín García Gómez (Dir. Xeral Política Lingüística da Xunta de Galicia) |
Cristina Moreiras-Menor, directora do departamento de Romance
Languages and Literature da University of Michigan – Ann Arbor tivo a ben
invitarme, xunto a outros creadores galegos, a participar no II North American
Symposium of Galician Studies que ela e os seus colaboradores organizaron. Congreso que tivo lugar entre os días 19 e 23 de abril e ao que acudiron
investigadores e profesores de preto de cincuenta universidades de Estados Unidos, pero
tamén de lugares tan afastados como Nova Zelandia.
![]() |
Teresa Vilarós, Suso de Toro, María Reimóndez e Pemón Bouzas |
Non so sinto orgullo por participar como invitado nesas
xornadas, tamén sinto agradecemento e satisfacción polo feito de compartir primeira
mesa cos escritores Suso de Toro e María Reimóndez e coa profesora Teresa
Vilarós da universidade de Texas A&M.
Quixen na miña primeira intervención falar de
persecución, perversión, corrupción e inxustiza reflectidas en dúas obras: The
Crucible (O crisol, As bruxas de Salem) do gran dramaturgo Arthur Miller e, en
segundo lugar, A voz do vento, a miña última novela publicada, na que as
protagonistas son as bruxas de Cangas.
Este é un fragmento da miña exposición:
Catorce anos despois de rematar seus estudos de xornalismo nesta
Universidade de Michigan, e xa cun Premio Pulitzer no peto grazas á maxistral
obra Death of a salesman (Morte dun viaxante), Arthur Miller publicaba outra
das obras que o consolidaron como un
dramaturgo de primeiro orde: The Crucible (As bruxas de Salem). Corrían malos
tempos para o autor quen sentía no seu pel o látego fustrigador da súa
propia caza de bruxas instigada polo
senador de Wisconsin Joseph McCarthy. Afortunadamente para o dramaturgo, como
todos saben, o Tribunal de Apelación revocou a condena por desacato ao Congreso
quedando libre de cargos. Crise social, infamia e persecución, delacións
inxustificadas... de que estamos a falar, dos dramáticos sucesos ocorridos na
vila de Salem, Massachussets, en 1690 ou do que acontecía na sociedade
americana na década dos cincuenta do século pasado? Ese foi o reto de Miller,
esa foi a grandeza do dramaturgo, contar o que pasaba e que el sufría a
mediados do século XX trasladado a unha sociedade na que o fundamentalismo
relixioso do século XVII impoñía a súa lei nunha pequena vila de Massachussets.
![]() |
Arthur Miller |
Arthur Miller cría na foza do teatro “as obras de teatro esforzábanse por
expresar unha idea, por encarnala”, por contraposición ao cine “as películas
non tiñan ideas, so acción”. Así pensaba Miller corenta anos despois de
escribir The Crucible (As bruxas de Salem) ao rematar a versión cinematográfica
da súa obra teatral. “Quen se molestaba en aprenderse o nome dun guionista? –Se
preguntaba Miller ao tempo que valoraba e recoñecía aos grandes nomes da
historia da dramaturxia como inspiradores dun xove e ambicioso escritor. Porén,
a súa percepción sobre o cine foi mudando, chegando a atribuírlle “unha
autentica finalidade estética”.
Nos os galegos, tamén tivemos as nosas bruxas e cazas de bruxas. Falando xa
da miña última novela publicada A voz do vento (Xerais, 2014) debo recoñecer un
paralelismo causal coa obra de Miller. Cando me documentaba sobre o fito
histórico dos ataques piratas á vila de Cangas a principios do século XVII e
sobre as actuacións da Inquisición en Galicia, non me foi difícil comprender
que algunhas das acusacións de bruxaría a mulleres da comarca de Cangas tiñan
un compoñente económico detrás, apoiado no fundamentalismo que algúns membros
da Igrexa Católica e da propia Inquisición exhibían. Semellaba que estaba a ler
noticias sobre corrupción nas institucións públicas, prevaricacións, estafas,
desafiuzamentos por hipotecas non pagadas, paro, fanatismo, conivencia social e
institucional... Era como estar a ler un xornal destes últimos cinco anos
falando da crise financeira, económica e social que estivemos a vivir en
España, xaora en Galicia. Aí estaba a novela, aí estaba a trama, os personaxes,
a historia como aprendizaxe, ou non, de cara ao presente e o futuro. A María
Soliño de Cangas, a mesma María Soliña de Celso Emilio Ferreiro, sen chegar ao
lume das fogueiras da Inquisición, sen pasar pola cámara do tormento, podería
ser calquera muller galega afectada na actualidade pola crise, estando no paro,
co seu home tamén sen traballo, cos fillos estudando para acadar un futuro
utópico no que o presente é unha agonía.
![]() |
Manuel Sendón, María Reimóndez, Suso de Toro, Miguel Anxo Murado, Cristina Moreiras, Pemón Bouzas, Valentín García Gómez e Xosé Manuel Pereiro |
Comentarios
Publicar un comentario