A Estrela de Oriente



Houbo un tempo no que pensei que tiña que axudar aos nenos e ás nenas  que esperaban ansiosos cada Nadal a chegada dos Reis Magos a coñecer mellor  quen de verdade eran as Súas Maxestades. A tarefa non era doada pero decidín asumir o reto. Non se podía xogar coa ilusión dos pequenos nunha efeméride que en moitos casos marcaría un antes e un despois nas súas vidas, coma noutros momentos cruciais nos que o antes e o despois son fundamentais.
Non me quedaba outra que empezar a investigar. Busquei na Biblia, no Novo Testamento, busquei nos libros de historia, atopei moito nos libros de arte onde puiden comprobar como grandes artistas de diferentes épocas deixaron plasmada, polo menos nunha obra, a “Adoración dos Reis Magos”. Incluso busquei en bibliotecas relixiosas e so unha persoa conseguiu  aportarme algo máis de luz, Sor Mónica, unha muller que soubo dar cariño á miña filla Eri nos seus primeiros anos de escolarización.
De socate, souben que tiña que empezar a escribir. Que a historia dos Reis Magos  tiña que ser tan ilusionante, cos datos que posuía nas mans, como a verdadeira ilusión coa que os pequenos esperan a súa chegada cada Nadal a noite do 5 de Xaneiro de cada ano.
Tiña claro que nesta historia debían agromar valores fundamentais na formación das persoas, valores como a solidariedade, como a relación entre culturas, o respecto mutuo á marxe  de crenzas ou dar cor da pel, a educación, a paz, … todo aquilo que serve para que as sociedades sexan máis libres, máis abertas, máis democráticas. E o mito infantil por excelencia na cultura occidental, pensei, podería e pode servir  para conseguilo.
De socate, digo, apareceu unha estrela no firmamento, unha estrela anunciada por sabios, profetas, lendas e tradición oral. De tal xeito que en tres lugares afastados do planeta tres elixidos comezaron a aventura. Unha aventura que dous mil anos máis tarde aínda continúa vixente. Cada ano, no mes de decembro aquela estrela, a Estrela de Oriente, volve a refulxir no firmamento e millóns de nenas e nenos agardan que se deteña nas súas casas para facer posible o milagre, converter  a ilusión  nun abraiante sorriso de felicidade.
Os máis pequenos van coñecer a historia e os que xa medraron dabondo, os que xa están na fase do “despois”, van comprender a mensaxe.
A Estrela de Oriente conta unha historia dos Reis Magos. Unha historia na que creeu dende o principio o director de Xerais, Manuel Bragado. O meu texto goza ademais do valor engadido que supoñen as ilustracións dun home chamado Marcos Calo Bermúdez ao que aínda non coñezo persoalmente pero que  co seu traballo reflicte toda a maxia que eu pretendín  transmitir  no meu relato.
Dende outubro de 2012 está nas mellores librerías, editada por Edicións Xerais de Galicia







Comentarios

  1. QUE GANAS DE TE-LA NAS MIÑAS MANS E PODER SUMERXIRME NESTA HISTORIA.

    SABES QUE TE DESEXO TODA A SORTE DO MUNDO.

    BICOS

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

Francisco Caamaño en el Ministerio de Justicia

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio