Tonnerres de Brest 2012 (1)




Nunca tal vin”, “Que fasquía”, “As máis fermosas embarcacións a vela do mundo”, “Que festa”… dicían tantas voces cando falaban sobre a festa marítima de embarcacións tradicionais que cada catro anos se celebraba nos portos da cidade bretoa de Brest. Todo eran boas palabras para definir a presenza de embarcacións e mariñeiros nun encontro, nunha festa de cinco días, na que as xentes do mar convivían con curiosos e turistas de mar e terra que acudían a milleiros a gozar de tanto mastro, de tanta vela ao vento, de boa compañía, de musica con diferentes harmonías e raizames,  de historias de barcos e mariñeiros.


A festa marítima de Brest arrancou en 1992, quizais pensada como evento cultural e empresarial ao tempo para sacarlle rendemento económico a unha festa que xa celebrada dende facía varios anos na vila veciña do sur da badía, península de Crozón por medio, chamada Douarnenez. Daquela acudiran xa a Brest algúns galegos de Ribeira atraídos polos cantos de sereas dunha celebración marítima tradicional que, sendo a súa primeira edición, xa tiña certa sona  no mundo. Os de Ribeira organizarían ao ano seguinte, 1993, o primeiro encontro de embarcacións tradicionais de Galicia.

Grazas aos de Ribeira e a que outras asociacións galegas de defensa da cultura marítima e fluvial foron dando pulo aos encontros en Galicia, as embarcacións galegas foron invitadas de honra na edición de Brest 2008 (primeiro e único país non estado invitado) xunto a Croacia, Noruega, Madagascar e Brasil. Lembro aquela festa como un verdadeiro acontecemento con milleiros e milleiros de persoas mesturadas entre mariñeiros mirando a babor e a estribor e sentindo a forza do vento que debuxaba un sorriso permanente nas facianas duns e doutros. Mágoa que o descoñecemento, a improvisación e algunhas actitudes un tanto “sobradas” das institucións galegas que deron cobertura e apoio á Federación Galega pola defensa da Cultura Marítima e Fluvial, non souberan aproveitar a extraordinaria situación do “village” de Galicia no peirao coñecido como Grand Large, o mellor sitio da festa, para promocionar mellor Galicia, o mar galego, a cultura marítima da nosa terra, o turismo, a gastronomía, a nosas tradicións (tan próximas as bretoas, irlandesas,…) a nosa música, etc. 


Afortunadamente, os mariñeiros galegos deixaron constancia do seu saber mariñeiro, da súa cordialidade e simpatía, da solidariedade entre as xentes do mar… algo que quedou para sempre na retina dos organizadores e dos bretóns en xeral, como demostra este documental que fixemos daquela.


 A festa marítima de Brest, que como xa dixen se celebra cada catro anos, sempre se chamou co nome da cidade e o ano de celebración ata que chegou a edición de 2012. Para esta ocasión tan redonda, os 20 anos dende aquela primeira de 1992, a organización da festa buscou un lema e atopouno nun cómic, no Tintin de Hergé concretamente. De aí sacaron a frase “Les tonnerres de Brest” Festa marítima 2012. Frase repetida en varias historietas de Tintin polo peneque Capitán Haddock que todo o mundo coñece. Todo o mundo? Non. So os que len Tintin na lingua orixinal, o francés. En español foi traducida por “Rayos y truenos”.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

Francisco Caamaño en el Ministerio de Justicia

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio