Tonnerres de Brest 2012 (e 2)



O presidente de quenda do Comité Olímpico Internacional, cada vez que rematan uns xogos olímpicos excepcionais (de momento os de Barcelona son míticos) di a seguinte frase: “rematan aquí os mellores xogos da historia” ou non, como pasou un par de veces despois dos de Barcelona nos que a frase foi “rematan aquí uns  magníficos (que non os mellores da historia) xogos”. Les tonnerres de Brest 2012 foi unha excelente festa marítima. O Capitán Haddock, non sei se por estar demasiado peneque ou quizais por ter bebido demasiado pouco,  non trouxo demasiada sorte á festa aínda que resultou ser unha gran festa (na que o famoso capitán non foi o único que se pasou coa cervexa). Entre a crise económica que afecta a medio mundo (o outro medio vive nela permanentemente) e os tremendos “tonnerres” que afectaron a Brest e a toda a ruta de acceso por mar á cidade, moitas embarcacións inscritas non acudiron á cita. O mal tempo dos dous primeiros días, a pesar de que o 14 de xullo (festa nacional de Francia e data case principal da festa) cadrou en sábado a afluencia de xente foi sensiblemente menor, eu diría que nin a metade que en 2008.

Der Passat Chor
Porén, houbo cousas moi interesantes como a presenza dunha pequena representación de cada país invitado nas edicións anteriores, entre elas a galega nunha pequena carpa e cun puñado de persoas que se esforzaron e conseguiron que, coa información que daban aos moitos visitantes, a bandeira galega ondeara orgullosa ao vento. Os barcos bretóns e franceses, algún noruegués, inglés e holandés,  e a presenza do buque escola mexicano fixeron moi plástica a imaxe dos peiraos. Tamén había dous barcos rusos de catro mastros pero un tanto afastados  do mundanal ruído. 

E a música,  música que este ano ocupou o escenario principal, o Grand Large, o espazo no que estivera a delegación galega en 2008. Do mellor a Banda da Mariña Real de Noruega interpretando unha metade de tempo música clásica, obras de Manuel de Falla entre outras, e na outra metade música de jazz de grandes éxitos do cinema, xeniais. Moi bo tamén o grupo do músico de Brest Dominique, auténtico especialista na fusión de estilos no camiño do rock. Mención especial para Der Passat Chor, un coro de rudos mariñeiros alemáns, sobre todo cando interpretaron en bretón a canción Gwerz ar vezhinerien, un verdadeiro  himno dos goemoniers (colleiteiros de algas), composta polo meu benquerido amigo Denez Abernot, case un novo himno para os bretóns. 



Teño escoitado moita música en directo, de artistas excepcionais, de bos artistas e dos que queren chegar a ser bos algún día, pero nunca na miña vida escoitei un grupo tan sumamente malo como o Internacional Mariachi Juvenil de Culican, unha vergoña para México cos maravillosos mariachis que teñen en calquera parte; non entendo como os seus compatriotas non subiron ao escenario a cantar eles e encubrir dese xeito o ridículo espantoso dos mariachis que alí estaban desafinando nota tras nota.


Un apuntamento final para os amigos pola súa acollida, polo seu cariño, pola hospitalidade, os fruits de mer e a paella, pola queimada, pola música de Gwenn, polos sorrisos de todos. E a destacar asemade a simpatía dos membros da organización, incriblemente máis educados, xenerosos e amables que na edición mentada de 2008. 

Durante a festa en Plouguerneau




Comentarios

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

Francisco Caamaño en el Ministerio de Justicia

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio