A fraga do Eume


Descubrín a Fraga do Eume de neno nas excursións de domingueiro que facía cos meus pais (nunca estarei suficientemente agradecido, sempre visitando mosteiros, castelos e lugares con historia do meu pobo, da nosa terra). Lembro que quedara impresionado pola riqueza de verdor tan noso e pola historia do mosteiro de Caaveiro. Tamén lembro como me alporicei ao saber que en 1800 fora abandonado e que con aquel acto comezara o seu deterioro. Cada vez que tiven ocasión de volver quería pisar nos mesmos lugares onde imaxinaba pisara aquela primeira vez,  para facer renacer na memoria aquela aventura iniciática  na que estivera guiado polo meu pai, a igrexa, os apousentos dos monxes, a sala de torturas e o lugar do tormento da pinga de auga.


A riqueza natural do lugar, de toda a Fraga do Eume, do seu contorno, foi gañando cada vez máis importancia na miña vida,  cada vez que pensaba e penso en Galicia.
Non se pode consentir, nin agora nin antes de agora, que non respectemos  a nosa terra. Non se pode consentir que nos comportemos de xeito tan egoísta, semellamos políticos, que non pensamos nada máis que en nos e non no que lles imos deixar aos nosos fillos (eles, os políticos, so pensan no que poida ser rendible nos catro anos de lexislatura). Así non se fai país.
En épocas de crise económica, que non provocamos nos aínda que sí que nos deixamos guiar polos cantos de sereas do capital que berraba “¡¡consume!! ¡¡gasta cartos!! ¡¡pide hipotecas!!...”, en crise económica, dicía, non se poden pedir autopistas e falsos AVE cando  se deteriora a sanidade pública, como non protestemos deixará de ser pública, e a educación pública, idem, con médicos despedidos, mestres e profesores no paro. Por riba, queiman o noso patrimonio natural porque nunca se atendeu o monte, nunca se preservaron suficientemente os espazos naturais nin os Parques Naturais e Nacionais. Nunca se fixeron plans de restauración de Caaveiro, Sobrado, Carboeiro, por falar de mosteiros e non de castros, castelos, etc.; pero aí temos a Cidade da Cultura (que aínda haberá que darlle sentido e aproveitar) ou o que non ten nome e do que nunca se fala, o Porto Exterior de A Coruña, unha obra multimillonaria que cada vez que hai un pequeno temporal vai ao fondo do océano e sobre o que algúns medios de A Coruña non saben da súa existencia.
A época dos faraóns exipcios quedou moi atrás. Agora cumpre acabar cos faraóns actuais.  Marcho que en vinte minutos comeza a concentración pola defensa das Fragas do Eume.

Comentarios

  1. Es una pena. Un paraje con tanta belleza y verlo ahora, me hincha la vena de la mala leche, ¿como pueden algunos tener tan pocoa sensibilidad? ¿que ganan? satisfacion personal? .
    Precioso escrito Peman.
    Un abrazo

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

Francisco Caamaño en el Ministerio de Justicia

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio