Sobre o Premio Xerais de Novela 2011

Gañadores e xurados dos Premios Xerais 2011 (imaxe de Xerais)

Teño asistido a moitos premios literarios e sei como vai o tema. A mediados de abril recibín a chamada de Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, na que me invitaba a formar parte do xurado do Premio Xerais de Novela.  Tería que ler uns oito ou dez libros, que finalmente foron quince, en dous meses e cadraba cunha pausa na gravación do programa cultural EIRADO, do que entre outras cousas son presentador, programa que se emite na TVG2 os sábados ás 22:50 horas. Os contras eran un par de viaxes de por medio e a necesidade de rematar canto antes un libro que teño entre mans para o vindeiro outono. Por outra banda estaba a responsabilidade de exercer como xurado nun premio tan importante, tan prestixioso e tan anhelado por calquera escritor galego que se teña en consideración, e con grandes nomes enchendo o seu palmarés. Dixen que si.
Dixen que si despois de escoitar a Bragado,a Celia Torres(comunicación) e a Fran Alonso, subdirector de Xerais e voceiro sen voto no premio de novela, que me explicaron a mecánica do premio. A editorial fai unha selección de entre tódalas obras presentadas despois de examinar os informes dos lectores cos que conta. Esas obras, este ano quince como xa dixen, son enviadas a cada un dos membros do xurado para seren lidas. Eu rematei a véspera da primeira xuntanza, que foi no castelo de Soutomaior onde coñecín ós compañeiros na toma de decisións, Berta, Paula, Fran e Jorge. Sen intervención por parte de Xerais en ningún aspecto da deliberación, despois de varias horas de discusión moi enriquecedora, moi interesante ¡que fermoso é falar de literatura con bos libros enriba da mesa! quedámonos con tres finalistas e cunha semana por diante para reler e pensar, non sen recomendar a publicación dalgún libro que quedara no camiño.
Das tres obras finalistas había dúas que me seducían particularmente, que consideraba gañadoras, e pasaron á votación definitiva. O resultado final da votación foi axustado. Un so voto decidiu que a obra gañadora do Xerais de Novela 2011  ía ser a presentada baixo o lema “Extramunde” que, como todo o mundo sabe, porque se fixo público nunha fermosa festa literaria celebrada o 11 de xuño na illa de San Simón, resultou ser escrita por Xavier Queipo, e que vai manter o lema “Extramunde” como título definitivo.
Xavier Queipo co Premio Xerais. (Imaxe de Xerais)

Durante a festa en San Simón tiven ocasión de falar con Xavier Queipo, un gran escritor, un home sensato e comprometido, unha excelente persoa no trato. Respecto o segredo das deliberacións do xurado e non vou descubrir  nada do falado, pero si quero deixar constancia de que a obra de Queipo é unha gran novela, unha novela da que se vai falar moito tempo, das que van quedar a man nos andeis  dos libros  con máis querenza de cada lector. É unha novela de análise  e crítica social, dos estamentos e das persoas, é un libro de viaxes, é unha aventura, unha singradura e un periplo vital, é un berro ecolóxico, é unha historia galega e universal, todo iso dentro dunha innovadora estrutura narrativa disfrazada de novela histórica.
Debo recoñecer que cando aceptei ser xurado tiven medo de que gañara unha obra que non me gustara nada. Todos quedamos satisfeitos. Todos cremos que “Extramunde” é unha gran novela porque gañou a outras magníficas novelas.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

Francisco Caamaño en el Ministerio de Justicia

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio