As Actas Escuras

Neste ano 2010 o Centro Dramático Galego ven de por en escena unha nova produción titulada As Actas Escuras, do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Co cal, o CDG, ademais de seguir ofertando teatro de calidade fai unha homenaxe póstuma ó gran actor, director, escenógrafo e dramaturgo que foi Roberto Vidal Bolaño, falecido no ano 2002.

Roberto foi un gran tipo, para min un bo amigo e unha boa persoa. Tamén foi un compostelán de pro, é dicir, un defensor da cultura, da historia, da idiosincrasia compostelá, sen perder de vista en ningún intre a visión global da súa terra. Tal vez por xeración, tal vez por convicción, ou por esas e outras razóns, o caso é que coa obra de Roberto Vidal Bolaño sentimos sempre a necesidade da reflexión, da crítica, xa que nos presenta uns textos nos que a desesperanza domina sobre a ilusión, sobre a esperanza, o dogma mira por enriba do ombreiro á razón, a ostentación do poder e a necesidade de conservalo antepóñense a calquera outra tentación plebea de que impere o sentido común.
En As Actas Escuras, a obra que agora pon en escena o CDG baixo a dirección de Xulio Lago, non ía ser menos. Neste caso Vidal Bolaño aproveita un momento histórico de Compostela, a finais do século XIX, cando o cardeal Payá ratifica que os restos que se custodian na catedral de Santiago se corresponden cos do Apóstolo Santiago, para facer unha reflexión sobre a relación entre o dogma da tradición e o racionalismo científico na sociedade compostelá de finais do XIX. Ás veces, o espectador debe esforzarse para non pensar que o que os actores interpretan non acontece nos tempos actuais. Ésa é a vixencia das obras universais, as que dende un feito particular nos transportan a unha situación xeral que nos devolve a outras situacións particulares, cadanseu as propias.
No que á posta en escena se refire, cabe falar dunha impecable labor de dirección por parte de Xulio Lago, xa que As Actas Escuras é unha obra complexa con moitos cambios de escenografía e iluminación e con moito texto, sobre todo para os actores principais. Son de destacar as interpretacións de Xosé Manuel Olveira “Pico” no papel de Don Mauro, Ricardo de Barreiro facendo de Casiano e Agustín Vega como o cardeal Payá, dentro dunha estupenda posta en escena global.
Comentarios
Publicar un comentario