Sete Palabras
O exercicio da escritura, xa de por si complexo, require ás veces dun esforzo adicional superior, incluso extremo. Sobre todo cando se xuntan escritura e memoria, memoria persoal, memoria que atinxe ó máis íntimo da persoa e dos seres queridos, da familia, dos maiores. Esforzo superior cando hai que ir descubrindo o que os pais e os avós xa non poden contar. Cando hai que converter os descubrimentos e a ausencia deles en novela. Si é novela, é ficción, ou non?
O caso é que Suso de Toro ven de publicar en Xerais unha novela titulada Sete Palabras hai un par de meses. O caso é que en Sete Palabras Suso de Toro indaga nas orixes da rama paterna da súa propia familia e nolo conta de xeito novelado, de maneira maxistral. Tiven a oportunidade de dicirllo, de dicirlle que me pareceu a mellor novela que tiña escrito, e estamos a falar dun dos mellores escritores contemporáneos (non me refiro unicamente á literatura galega), con obras coma Tic Tac, Ambulancia, Polaroid, Home sen nome… Suso de Toro tamén o cree así.
En Sete Palabras atopamos unha historia con principio, nó e desenlace, de doada lectura grazas á mestría do autor, que é quen de ofrecerlle ó lector unha historia coa trama definida, unha reflexión sobre a memoria, sobre ás raíces, sobre o ser humano en xeral, unha aventura, un libro de viaxes con escenarios en Compostela, a comarca zamorana de Sayago, Toro, Zamora, La Habana.
Con Sete Palabras Suso de Toro supérase a si mesmo.
Máis información na web da CRTVG, programa Eirado da TVG2 do 19 de Nadal de 2009, no que tiven a oportunidade de conversar con el. http://www.crtvg.es/asfroot/acarta_tvg/EIRADO_20091219.asx
Comentarios
Publicar un comentario