Os contos de Tita

A alma galega, esa que se diferenza doutras almas non por ser mellor ou peor, que haberá de todo segundo que corpo sexa quen de levala, senón polo feito de sentir diferente a soidade, o amor, a distancia, a terra,…, fainos caer algunhas veces, ós galegos claro está, en estados morriñentos ou de fonda saudade. Ás veces temos saudade por persoas que xa non están, por seres queridos, por tempos pasados ou mesmo por estar lonxe “da miña terriña do meu lar”. Outras veces, a saudade nos axuda colocando os nosos pensamentos en tempos xa vividos e que están cheos de carga vital.


Unha desas “transposicións” vitais foi a que me levou á infancia, a aqueles momentos nos que xunto ós meus irmáns rodeabamos á nosa avoa Tita para que, soa ou coa axuda dalgunha das súas irmás, nos contase contos mentres lle daba un descanso a aquela máquina de coser Singer á que tanto proveito sabía sacarlle. Eran contos que nos engaiolaban porque falaban de cousas que lle ocorrían a familias que semellaban ser dalgunha aldea non moi distante, cousas que ás veces eran misteriosas e sorprendentes e outras veces eran metafóricas e agochaban algunha ensinanza.
Durante moito tempo sentín magoa por non ter recollido aqueles contos para léelos unha e outra vez.
Hai moitos anos tiven a oportunidade de coñecer a una muller que me causou unha grata impresión pola seu saber, pola capacidade divulgativa dos seus coñecementos e pola súa amabilidade coa xente. Estou a falar de Camino Noia, unha compostelá afincada en Vigo dende hai moitos anos, supoño que tantos como os que leva dedicada ó ensino e á investigación filolóxica, xa que é Catedrática de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo.

Esta muller publicou un libro de contos titulado Contos Galegos de Tradición Oral, editado por NigaTrea en 2002, no que aparecen algúns dos contos que eu lle sentín á miña avoa cando era neno, e moitos outros. O libro so se pode cualificar como xoia. Imprescindible para manter viva a tradición oral, aínda que sexa a través de medios impresos. Para min, cada vez que leo algún conto, é como unha volta á infancia que hoxe sinto como un regreso ós tempos nos que moitas das raizames do pobo galego non era preciso buscalas en manuais de antropoloxía.

Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

Francisco Caamaño en el Ministerio de Justicia

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio