Santiago Marítimo por J. Méndez




Santiago de Compostela é arte en si mesma, arte dende o seu nacemento como vila, como lugar santo, como meta de peregrinación. É arte dende o momento en que se levanta a primeira igrexa, o xermolo da gran catedral que foi medrando co paso dos séculos, igrexa e catedral que se fundamentan nun mito. Pragmatismo arquitectónico, austero no medievo e exultante no barroco, como expresión artística para acoller as almas dos homes e mulleres que durante séculos seguiron un impulso místico, máxico, de aprendizaxe, espiritual sempre. Todas esas almas encontraban e encontran no Camiño algo que buscaban e buscan, e descubren en Compostela a expresión arquitectónica da arte, a expresión espiritual da arte, a expresión relixiosa da arte. Grazas a eles, aos peregrinos, Compostela medra cada minuto facéndose máis cosmopolita, máis única, incrementando o seu mito. Agora é o Mito o que se apoia na arte.
O peregrino ve, sinte, máxia en Compostela. Ve, sinte, unha realidade transformada polas emocións do Camiño que magnifican aínda máis a propia imaxe da cidade.
“A Santiago de Compostela so lle falta o mar” é unha frase escoitada a propios e extranos. Tal vez esa utopía marítima sexa so unha boutade, a sabendas do fermoso mar que ten a poucos quilómetros.
Se o realismo máxico incorpora o sobrenatural, o milagre, o hiperrealismo pode ser a solución para unha situación ilusoria de catástrofe planetaria, medioambiental, que mude a paisaxe. Hiperrealismo futurista e utópico tal vez sexa a exprexión dunha realidade inexistente retratada como normalidade cotiá en Santiago Marítimo.
J.Méndez non é alleo a Santiago, como Santiago non pode ser alleo a J.Méndez. O artista nacéu en Compostela, e dende sempre o Mito estivo con él. Era lóxico que se filtrase unhas veces máis abertamente e outras con sutileza, na súa obra. ¿Pero dónde estaba Compostela na súa pintura? Houbo que esperar a que o mar chegase a Compostela para que Compostela chegase rotunda e definitivamente á pintura de J.Méndez. ¿De que xeito cofluiron ambos? O mar chegóu coa súa luz que impregna todo con outra temperatura de cor, e con él os ceos límpidos e os ceos ameazantes, Sorolla e Constable, pero sempre o mestre Mateo e Casas Novoa, e dende xa Hejduk e Eisenman.
Non descubro nada dicindo que cada paseo polas rúas de compostela pode convertirse nun descubrimento. Ás veces o que se descubre é un detalle nunha fachada de calquera casa, outras veces é a luz cambiante a que se encarga de aportar novos matices na pedra de Santiago. Admirar, visualizar con detalle cada un dos cadros da colección Santiago Marítimo de J.Méndez aporta sorpresas permanentes. Naveguemos polas rúas e mollémolos pes sen medo.


Hoxe, 25 de xuño, ás 20,30 horas trerá lugar a inauguración de Santiago Marítimo na galería Auriol, República del Salvador 4, Santiago de Compostela. O texto anterior forma parte da presentación que vou facer sobre J.Méndez no acto inaugural da exposición.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

Francisco Caamaño en el Ministerio de Justicia

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio