Provisionalidade

Xa escoitei máis dunha vez as frases “Que veñan os outros xa” ou “Volvo ás cloacas de onde nunca debín saír”. Exabruptos significativos dunha provisionalidade que provoca ineficacia, desidia, incerteza e estancamento en todas, ou case todas, as dependencias relacionadas co goberno galego e das empresas e institucións públicas, como CRTVG, SERGAS, CGAC, etc.

No están os tempos para períodos tan longos de cargos “en funcións” cando os temas máis importantes da sociedade galega, e mundial, discorren a unha velocidade difícil de seguir ata por Fernando Alonso no mellor dos seus coches. Seica os prazos están marcados por lei, pero tamén debería de haber casos de excepcionalidade, porque excepcionais son as medidas que se deben tomar a cotío para seguir parcheando esta crise tan gorda, (algúns pensamos que só se ve a punta do iceberg, e son optimista por natureza).

Galicia e os galegos, todos os galegos, non merecemos este parón, este frenazo tan en seco da maquinaria institucional, cando son precisamente as institución públicas as que deben botar o resto para dinamizar a economía, o emprego, as inversións, para presionar á banca para que subministre liquidez...
O caso é que se miramos o calendario, o día 1 de abril se constitúe o novo Parlamento, pero o 3 de abril, venres, poderíamos dicir que comeza a Semana Santa que non remata ata o 13, luns de Pascua. ¿Daquela seguiran os mesmos aínda “en funcións”?
Venme á cabeza aquela frase tan monástica que dicía “Ora et Labora”. Esperemos, sobre todo o “Labora”.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

Francisco Caamaño en el Ministerio de Justicia

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio