Monte Louro e Muros



Ponte Nafonso



O sábado pasado fixen unha escapada aproveitando que amaneceu un día escampado. Tiña gañas de miralo océano dende o cumio de Monte Louro e de facer algunhas fotos coa mar brava. Quería volver a sentilos lugares que tiña na memoria pero que necesitaba refrescar. Sabía que pola tarde entraría unha nova fronte que traería ventos moi fortes e choivas. Se chegaban antes os ventos as fotos poderían estar ben. Fun por Ponte Nafonso, pola ponte vella, para ver como baixaban con forza as augas do río Tambre e como pasaban debaixo das vinte arcadas que aínda conserva a ponte.

Era obrigada a parada no Freixo para tomar unha ducia de ostras, os de alí din que son as mellores do mundo, e hai que recoñecer que estaban ben boas, pero xa duplicaron os prezos, algo que haberá que ter en conta no futuro. Deixei atras Muros e San Francisco, e subín ó Monte Louro. O vento empezaba a coller forza co que o espectáculo das forzas da natureza se intensificaba tanto se miraba ó océano, coma si o facía cara á lagóa de Xalfa e as dunas da praia de Area Maior, coma se miraba cara o interior da ría.


Logo din un paseo polas estreitas e empinadas rúas de Muros. Debo recoñecer que levei unha grata sorpresa ó ver a vila tan coidada, cos edificios antigos ben restaurados, coas rúas e ruelas moi limpas. A praza do Ara Solis, a igrexa de San Pedro de Muros dese estilo oxival tan galego e os edificios con soportais onde antes se reparaban as redes e se salgaba o peixe, foron os lugares que máis me encheron.



As gotas de choiva volveronse teimudas e os ventos arreciaron. Foi unha invitación a mirálo mar unha vez máis antes de que todo se tornara escuro e porque as nubes adiantaron a noite.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

Francisco Caamaño en el Ministerio de Justicia

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio