| Pequena mariscada galega |
Estes días, xusto coincidindo coa chegada da
calor a Galicia, nunha primavera ata o de agora chuviosa e fría, xusto cando
máis apetece saír pasear polo campo ou polas praias, compartir terraza
tomando unha cervexa ou un bo branco da terra con algo do mar para picar, precisamente
estes días foi decretado o peche de todas as parcelas de bateas de mexillóns
das Rías Baixas galegas pola presenza da sempre temida marea vermella, a que
fai que apareza a toxina lipofílica que pode producir severos problemas de
saúde entre os consumidores. Fora mexillóns por unha temporada!!!. Afortunadamente,
quedan outros bivalvos que si se poden consumir, e tamén crustáceos que estean bos en meses sen «r», e tamén gasterópodos
(?).
Entre os gasterópodos temos nas costas galegas
os caramuxos e as lapas. Son especies cunha soa cuncha que os protexe e cun
potente músculo que lles permite asírense ás rochas nas que viven, a alturas
intermareais, cando a marea baixa quedan á intemperie, cando a marea sube
sobreviven debaixo do mar e aliméntanse. Quen da costa galega non volveu da
praia de neno cun pequeno balde de caramuxos que poñían a ferver para comelos
como aperitivo antes de xantar? Das lapas non falamos, non si? Quen viu alguén
comer lapas?
Non so vin xente comer lapas, tamén as comín
eu. Nunha vila mariñeira na costa bretoa na entrada do Canal da Mancha,
Plouguerneau, na casa dos Abernot, fun convidado a comer un salpicón de marisco
feito con lapas que estaba realmente bo. Tamén tiven ocasión de probar un paté
feito con ese gasterópodo que en Galiza ignoramos. Comer marisco en Bretaña, ou
peixe, é case como estar na casa, porque nos dous países gozamos das mesmas
especies: pescada, bacallau, douradas, sargos, bois, centolas, cigalas,
lagostinos, mexillóns, ostras... Alí regados co viño Muscadet que tanto apreciaba
Cunqueiro e aquí cos nosos brancos. Na próxima viaxe a Armórica pedireille os
amigos as receitas das lapas.
Habería que ter moita fame para ser o primeiro
humano en comer bichos tan feos e de aspecto tan estraño como todos os mariscos
mencionados antes. Pensemos nunha
manchea de percebes pegados ás rochas,
con ese aspecto itifálico rematado nunha unlla e cunha pel que semella coiro de
lagarto. Pensemos nunha centola ou nas nécoras. Os meus amigos bretóns cren que
o de comer lapas comezou coa fame que pasaron durante a Primeira Guerra Mundial
e que se consolidou coa fame que pasaron durante a II Guerra Mundial; a
partir de aí, as lapas quedaron incorporadas á gastronomía da Bretaña setentrional.
O de atreverse a comer marisco e converterse
en sibaritas non é algo recente. Estes días, a prensa recollía as investigacións
duns arqueólogos e investigadores que traballaban na cova de Los Aviones, en
Cartaxena, nas que afirmaban que os neandertais de hai 115.000 anos xa comían
lapas e caramuxos do Mediterráneo. Disque durante o verán fuxían da calor
desprazándose a montañas próximas e que no inverno, meses con «r», baixaban á
costa para evitar o frío e comer marisco. Por certo, na costa murciana tamén se
come moi ben; recomendo os pulpiños á brasa con salsa, o caldeiro de peixe ou
peixes como douradas e salmonetes, ao
sal ou á brasa.
Comentarios
Publicar un comentario