ADN

 


Tres letras que implican vida e toda unha vida. O ácido desoxirribonucleico ADN é unha molécula con forma de dobre hélice que contén toda a información e as instrucións xenéticas para o desenvolvemento dos organismos vivos, do ser humano tamén. Unha muller británica chamada Rosalind Franklin foi a primeira en capturar unha imaxe da molécula helicoidal pero o premio Nobel levouno un home, Maurice Wilkins quen colaborara con ela, que compartira a información cos tamén premiados e ultracoñecidos no mundo científico Watson e Crick.  Porén, un asturiano chamado Severo Ochoa acadou o Premio Nobel dous anos máis tarde por descifrar como se empregaba a información que levaba o ADN para crear vida.

Sabemos do ADN porque serve para acadar parentescos, sobre todo de fillos non recoñecidos polos pais, pero tamén para determinar esas relacións de parentesco con moitas xeracións de distancia.

Resulta que o ADN volve ser noticia grazas ao xornal británico Daily Mail quen ven de publicar unha investigación na que afirma que Donald Trump ten un afastado parentesco co Rei de Inglaterra Carlos III, o que significaría que tamén é curmán na distancia do Duque de Alba, Carlos Fitz-James Stuart. O que faltaba para que o actual inquilino da Casa Branca engordara o seu xa desmesurado ego.

Pero non é o efecto laranxa e o seu ADN o que me interesa. Vouvos contar unha historia. Entre 1475 e 1479 houbo unha guerra de sucesión na coroa de Castela. Un bando apoiaba a Isabel, que acabaría gañando e converténdose en Isabel a Católica, e o outro bando apoiaba a Xoana a Beltranexa, casada con Alfonso V de Portugal sendo sobriña da propia Isabel e de Pedro Álvarez de Soutomaior quen a apoiou na guerra de sucesión. Pedro Álvarez de Soutomaior foi coñecido como Pedro Madruga debido a que gañaba moitas batallas cabalgando coas súas tropas pola noite e atacando ao amencer. Pedro Madruga tivo que renunciar a todo, títulos e propiedades, en favor do seu fillo, o novo señor de Soutomaior, por loitar no bando derrotado. As crónicas falan de que morreu pouco despois da batalla de Toro pero as dúbidas son enormes e ademais están alimentadas por lendas que falan de que cambiou de nome para sobrevivir.

Unha investigación científica realizada por especialistas de Italia, Portugal e a Universidade de Granada analizou os restos mortais, o ADN, dunha ducia de descendentes contrastados de Cristobal Colón. O resultado emparenta ao descubridor de América coa casa Soutomaior galega. E aí é onde os datos encaixan coa lenda de que Pedro Madruga cambiara o seu nome polo de Cristobal Colón.  Defensores desa teoría, anterior á do ADN, insistían na galeguidade do mariño nas súas supostas orixes en Poio e en que bautizara máis de douscentos lugares dos territorios por el descubertos con topónimos galegos.

Como anécdota, dicir que coñecín e coñezo persoas españolas ás que os seus profesores lles aprenderan que Colón era galego.

De Cervantes non temos ADN, polo que non encaixa nesta anotación na bitácora, pero terá a súa propia.


Comentarios