Un chega a Oakland cruzando o Bay Bridge, a ponte da Baía de San Francisco.
Todo ese norte de California ten
sabor hispano e reminiscencias coloniais evidentes nos seus topónimos. Ao sur de
San Francisco, unha manchea de localidades con nomes como San Mateo,
Palo Alto, Santa Clara ou San José deixan patente, igualmente, o seu pasado
hispano. En todas estas últimas localidades hai universidades punteiras entre
as que destaca a de Stanford, e a todo ese territorio do sur de San Francisco
se lle coñece dende finais do pasado milenio como Sillycon Valley, por
ser sede das primeiras empresas de alta tecnoloxía vinculadas ao mundo dixital
xurdidas ao socaire da creación dos ordenadores e de Internet. Alí se
atopan as sedes de empresas como Facebook, Apple, OpenIA, Google e
outras que cada vez ocupan máis espazos nos medios de comunicación pola riqueza
desmesurada dos seus fundadores e pola absoluta falta de escrúpulos e de
principios que lles caracteriza.
De Oakland hai que estar pendentes porque alí
ten lugar o xuízo pola demanda do tecnooligarca fascista e racista Elon Musk
contra o seu antigo socio e presidente da empresa OpenAI Sam Altman, tan
voitre como o anterior. É unha guerra
entrambos os dous polo control da intelixencia artificial xenerativa, a que se
autoalimenta, a través dunha empresa creada como suposta ONG so para lavar a
cara e acadar recursos. Quen controle a intelixencia artificial será o dono do
mundo, o que é sinónimo de que todo o poder recaerá en oligotecnócratas
que so queren poder e cartos por riba de calquera discusión moral e ética.
Quen gañe fabricará os terminators para acabar co pensamento libre, é dicir,
coa humanidade.
A liorta entre víboras cadra nun momento
delicado da xeopolítica mundial por haber dúas potencias en mans de tolos e
outra gobernada pola ditadura comunista máis capitalista do planeta. O tolo
laranxa está disposto a gastar o que non ten para dominar politicamente o mundo
grazas á Intelixencia Artificial empregada para usos bélicos, para dominar o
mundo e ás outras potencias.
E como vai a carreira para controlar a
Intelixencia artificial? Ata o momento gañaba EEUU con varias
empresas punteiras relacionadas coas
antes mencionadas, todas elas de pago, para usuarios e tamén para os gobernos. Anthropic
semella ir por diante, asustando ao mundo cunha intelixencia artificial que
detectou buratos, fallos de seguridade, en lugares críticos a nivel mundial.
Meten medo.
Por outra banda, China xa está aí,
emparellada tecnolóxicamente cos EEUU e cunha vantaxe grande que a está facendo
medrar: pon a disposición dos usuarios a intelixencia artificial de xeito gratuíto
para gañar cota de mercado.
Se ata hai poucos anos o mundo evolucionaba
con rapidez, os cambios que vai provocar a IA van facer irrecoñecible o planeta
e as relacións humanas.
Terminator está
chegando.
Comentarios
Publicar un comentario