Libros, autores e santos

 

Día do Libro en Barcelona. Asinando exemplares na miña parada nas Ramblas

Un ano mais, chega o Día do Libro. E arredor dese día tan especial para escritores, libreiros, lectores e editores, xorden moreas de actividades relacionadas co mundo editorial. O día propio, o 23 de abril, son moitos os autores que participan en sinaturas en librerías, feiras ou grandes eventos como o de Barcelona, o «Sant Jordi». O Día do Libro na capital catalá é coñecido como  “o Sant Jordi”, día  no que as rúas están cheas de paradas nas que centos de escritores asinan as súas obras a milleiros e milleiros de cataláns e forasteiros, dispostos a facer colas para marchar coa sinatura do autor preferido; os escritores tamén asinan en numerosas librerías.

A maioría das grandes figuras do mundo editorial, escritores e autores da industria, danse cita en Barcelona nun día no que se venden case dous millóns de libros, o que representa arredor dun 25% das vendas anuais de libros na cidade, un 50% das vendas das pequenas librerías. Data importante, polo tanto, para uns e para outros, para escritores e autores de éxito e para os que poñemos moito empeño e non destacamos, nalgúns casos por non sermos merecedores.

Mais o «Día do libro» é importante tamén, ao igual que as feiras do libro que agroman en primavera e verán por moitos lugares de Galiza e da península, pola visibilidade. Durante estes días, os medios de comunicación dedican páxinas, espazos radiofónicos e de televisión ao mundo do libro, incluso os que teñen directores e directoras que durante o resto do ano din «non quero libros no programa ou nos informativos»; pero é que nesas datas mola, resulta cool.

A industria editorial, sobre todo os grandes grupos como Planeta e Penguin Random House, botan a casa por fora nun esforzo que os seus autores bandeira agradecen, porque estes eventos achéganlles aos lectores, senten o seu calor e admiración e engordan o seu amor propio e a súa vaidade, que tamén é san (ademais do seu peto se venden libros por milleiros). En Barcelona é costume agasallar no Sant Jordi cun libro e unha rosa no que resulta un acto fermoso de amizade, de querenza, de elegancia, de seny. Centos de milleiros de persoas mercan libros ese día tan festivo, tan cultural, tan LABORABLE. Si, o dia do libro en Barcelona é laborable, todo o mundo traballa mais as rúas están repletas de xente a todas horas, os que traballan pola mañá van polos seus libros e autores pola tarde e os que traballan de tarde van pola mañá. Un verdadeiro espectáculo, un orgullo de cidade, unha lección de dignidade e de saber estar atendendo o que importa, óllo, sendo ademais o patrón de Cataluña.

Con isto, reivindico que as autoridades permitan saír os libreiros ás rúas o día do libro, para xuntárense, como se facía hai anos, coa xente que camiña, que vai ou ven do traballo ou de facer outros recados. Sería a mellor mestura de libros e persoas, ocupando por un día os espazos públicos. Algunha cidade galega será a primeira, a máis valente, e detrás irán outras.

Os autores da industria, os autores de grandes libros en editoriais pequenas ou medianas, todos nós, gozamos vendo xente cun libro na man, nas rúas, nas praias, nos autocares, trens ou avións.  Para nós di moito vernos rodeados de xente que lee, imaxino o que senten os que venden moito e que o libro que está na man dos lectores e seu.

O Dia do libro celébrase o 23 de abril porque nesa data morreron Miguel de Cervantes e William Shakespeare; a UNESCO internacionalizou esa data como Día do Libro a nivel mundial.

Que pinta un santo no Día do Libro? O santo que «pinta» en Cataluña no Día do Libro é San Jordi. O 23 de abril a comunidade cristiá celebra a festividade de San Xurxo (Jordi en Catalán). En Cataluña a tradición arredor do patrón católico de Cataluña apoiase no mito do dragón. Cando San Jordi mata o dragón para salvar unha princesa, do sangue do animal agroma unha roseira de flores vermellas, rosa que o santo cortou para regaláreslla a á princesa.

O 23 de abril xúntanse  en Cataluña dúas festividades: a cristiá e política do Sant Jordi e a cultural do Día do Libro. Son o mesmo? Dende o meu punto de vista non. Pero entendo que se solapen unha a outra, que se confundan, que se mesturen.  Comento isto ante o balbordo xerado a raíz das declaracións de Eduardo Mendoza sobre como el ve o 23 de abril sendo escritor, «como o Día do Libro» afirmou. Chovéronlle críticas a esgalla por ser de todo desprezando o Sant Jordi, desprezando a Cataluña. Mendoza é un dos mellores escritores en lingua castelá da actualidade. Como escritor meréceme todos os respectos. Como persoa, ten a súas opinións e quizais valore máis unha festa do libro que unha relixiosa, quizais valore igualmente as dúas pero a que a el lle interese sexa a do Libro por ser escritor.  Non vou deixar de ler a Mendoza polas súas opinións, nin a escritores que o puxeron do revés  con obras que merecen a miña consideración. Mendoza é quen é por ser escritor, non político nin cirurxián, outros escritores que o critican son quen son polas súas obras, non polas súas opinións.

Os libros nas librerías, nas mans dos lectores e os santos nos altares.


Comentarios