Os maios

 

"O maio" de Curros Enríquez


En 1975, o idioma galego e a súa cultura en xeral, recibiron un impulso espectacular grazas á publicación do disco “Ahí ven o maio” (grafía prenormativa) de Luís Emilio Batallán. O éxito foi tal, que sonaba en todas as emisoras como un hit do pop e do rock do momento. O primeiro verso do poema de Curros EnríquezO maio” deu título a unha canción e a un álbum que contaba  con letras doutros poetas senlleiros como Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro ou Álvaro Cunqueiro. Daquela, e durante anos, semellaba que todo o mundo (léase Galicia) cantaba en galego.

E xa postos, co día do libro a piques de celebrarse, de xeito especial en Barcelona co exitoso Sant Jordi, o poemario de Curros Enríquez “Aires da miña terra” volve ser unha magnífica recomendación  de lectura, ou de repaso, para todos aqueles que buscan un clásico, lonxe do bombardeo da industria editorial, dos best-sellers, afondando un pouco na literatura, neste caso galega.

Pero maio está ás portas. A finais de abril e principios de maio ten lugar a celebración dos maios.  Os maios representan a sacralidade do vexetal, a lembranza da árbore cósmica da vida; son unha hierofanía ou expresión sagrada localizada nun obxecto, neste caso nunha árbore, nas plantas, nas flores. Son a celebración da vida, do rexurdimento da primavera, da fecundidade, do renacemento vital que lembra a orixe cósmica máis ancestral. Os maios, expresións vexetais en forma de árbores ou con figuras animais ou humanas, non deixaron de celebrarse en Galicia a pesar dos pesares, mantendo a tradición das figuras vexetais que se portaban en procesión, ou das árbores chantadas no medio das prazas de vilas e aldeas; pero tamén son maios as cantigas que cada ano improvisaban nenas e nenos indo de porta en porta a cambio de recibiren unha manchea de castañas ou dalgún doce que se fixera na casa. Hoxe recuperáronse en moitas vilas e cidades galegas, pero quero lembrar aquí os de Ourense, os de Laza e Enxames, os de Redondela, os de Portomarín... Media Europa celebra os maios: Austria, Alemaña, norte de Italia, toda Escandinavia...   Cantádeme un maio sen bruxas nin demos...



Comentarios