| Gárgola sodomizada pola restauración do Hostal dos Reis Católicos. Santiago de Compostela |
O patrimonio hai que coidalo. Por iso mesmo,
as administracións públicas contan con departamentos dedicados a ese coidado,
controlando e supervisando cada actuación que haxa que facer, cada intervención
de restauración ou de coidado do que consideramos patrimonio monumental, léanse
edificios civís ou relixiosos, espazos naturais, fauna e flora, cascos
históricos de cidades ou vilas, restos arqueolóxicos... Son «os de patrimonio»
os que deciden, os que teñen a derradeira palabra.
Por iso, confiamos neses departamentos, xa
sexan dos concellos, Xunta de Galicia ou do Goberno de España, porque cremos que o noso patrimonio está en
boas mans, moitas veces en mans excesivamente meticulosas. Os que viven en
cidades con cascos históricos baixo protección de Patrimonio, como Pontevedra,
Ourense, Lugo ou Santiago, saben ben o que significa facer a máis mínima
reforma nas súas vivendas, o sufrimento en forma de tempo, burocracia, cartos e
desvelos que representa acometer esa reforma.
Porén, visto o sucedido coas gárgolas do
edificio do Hostal dos Reis Católicos, en plena praza do Obradoiro de Santiago
de Compostela, non é que xurdan as dúbidas sobre en que mans está o noso
patrimonio, é que os responsables dese delito quedaron á altura da
«restauradora» do Ecce Homo de Borja e doutras chapuzas de semellante calado.
Que había que dar cunha solución ao problema das augas, pois que se gañen o soldo e traballen arreo, como lles fan traballar aos que queren facer unha reforma en zonas monumentais, na procura dunha solución axeitada para o problema e non dar creto á primeira alternativa que se lles ocorra, alternativa que implicou casos de «sodomía», tal como reflectiu algún medio.
O patrimonio hai que tomalo en serio e hai que
poñer ao seu coidado xente cualificada, e non chapuceiros meticulosos cos
demais. Patrimonio tamén é a Praia das Catedrais, un lugar «vivo» por estar
afectado polas mareas e polos temporais, no que pode haber desprendementos,
como así é, como así foi cando un deles matou unha moza que visitaba o lugar en
2018. A praia debía estar pechada. Tamén debería estar pechada a pasarela na
que morreron cinco mozos en Cantabria.
Se temos patrimonio hai que coidalo, revisalo
e restauralo. Para iso hai xente que
debe facelo, xente que ten unha responsabilidade.
Non facelo é o mesmo que construír novos
hospitais e centros de saúde mentres o que xa hai está en precario porque non
se contratan médicos nin persoal sanitario. As obras dan cartos, os salarios
dos sanitarios baleiran os presupostos.
Comentarios
Publicar un comentario