Viaxar (en tempos de cólera)

Diante da Opera House (2004), Sidney, Australia
 

A miña avoa Xoana sempre dicía que “había que ter mundo”. Moitos escritores fan referencia a viaxar como lugar de aprendizaxe, incluído Mark Twain, o autor de “Tom Sawyer”, a quen debemos unha das frases paradigmáticas do significado de “ter mundo”: “Viaxar é moi malo para os prexuízos, a intolerancia e a estreiteza de miras”.

Hoxe habería que dicir que viaxar non é chegar e facer selfies, nin moverse a lugares para instagramear, falar a cámara diante dun monumento que se ve algo, detrás do primeiro plano da cara do/a influencer, e dicir un par de tópicos.

Eu titulo este texto parafraseando a García Márquez, o autor de “El amor en los tiempos del cólera”, obra mestra, na que fala dos seus pais e da viaxe vital co amor en primeiro termo, pero tamén o tempo, as viaxes e as aventuras vividas ate a vellez. Cólera é a que nos provoca o señor laranxa, un demente ignorante que se cree por riba dos demais e que perturba o mundo con violencia, guerras e apoios necesarios a xenocidas. Pola súa culpa, viaxar estase a converter nunha odisea, na que os problemas e os perigos poden xurdir cando menos o esperas, por suspensión de voos, novas desfeitas do macaco laranxa, ataques terroristas, etc. Viaxar estes días, segundo a que zonas, é un risco a ter en conta.

Viaxar é gozar dende que se prepara a maleta  ata que se retorna a casa. Porque a viaxe non é ir a tal sitio, como meta, é unha experiencia vital na que se aprende das paisaxes diferentes que entran polos ollos, das persoas coas que se conversa en cada lugar, dos monumentos naturais ou saídos da man do ser humano, da natureza calma ou salvaxe, das diferentes culturas coas que nos atopamos. Todo iso engadido aos nosos coñecementos, resulta unha experiencia única e moi persoal, que se pode compartir cos compañeiros de viaxe se non imos sos, ou cos familiares e amigos cando regresamos. Eles, os demais, vivirán a nosa experiencia con interese e quizais con ganas de visitar os mesmos lugares polos que pasamos nós antes.

Na historia da humanidade houbo grandes viaxeiros que, ademais, foron quen de deixar por escrito as súas experiencias. Véñenme á cabeza algúns deles, como Exeria, a relixiosa supostamente galega quen a finais do século IV visitou os Santos Lugares, nunha viaxe que a levou dende aquí ata Xerusalén. Marco Polo deixounos as súas experiencias na Ruta da Seda que el percorreu; algúns grandes mariños como Cristobal Colón, James Cook, Alexandro Malaspina ou o galego Mourelle da Rúa deixaron por escrito os seus periplos, invitando a outros mariños a facer as mesmas rutas. No século XIX Isabella Bishop, unha inglesa de saúde delicada, viaxou polo Oeste americano, por Xapón, por Cachemira e por Persia, a actual Irán; Isabella escribiu libros de cada unha das súas experiencias que son un deleite, lidos dende a distancia e con perspectiva, que é como como hai que ler.

William Beckford viaxou por Portugal en 1835, o chileno Adolfo Rivadeneyra foi en 1869 de Ceylán a Damasco, por non falar de Chateubriand, Flaubert, Richard Francis Burton, entre outros.

Non debemos esquecer que Galicia, a nosa terra, foi destino, ou lugar de paso, de varios viaxeiros, como a fotógrafa dos EEUU Ruth Matilda Anderson, quen veu dúas veces entre 1924 e 1926, Georges Borrow quen nos visitou hai 200 anos en 1830, ou Richard Ford quen veu en 1845, viaxe da que escribiu unha guía de referencia para os ingleses sobre a nosa terra.

Non quero rematar este breve repaso polas viaxes como aprendizaxe e enriquecemento sen mencionar a Javier Reverte, un referente como escritor e xornalista do que destaco sobre todo a triloxía de África pero tamén “La aventura de viajar”, a súa propia reflexión  sobre o feito de viaxar.


Comentarios