Semana Santa, fe e folclore

 


Respecto e respectarei todas as relixións e ideas políticas que me respecten, que sexan respectuosas cos que non pensan igual.

Respecto ese sentimento chamado fe. Como dicía Antonio Machado  no seu poema “La saeta”, ¡Cantar de la tierra mía,/que echa flores/al Jesús de la agonía,/y es la fe de mis mayores!. Pois iso, a fe dos meus maiores, como non vou respectar a fe da xente!!

Respecto igualmente as tradicións, pero penso que o mundo avanza e que todo, as tradicións tamén, deberían avanzar, sen perder o seu sentido primixenio, porque é posible, querendo. Entre as tradicións e a fe hai un nexo, sobre todo na Semana Santa española.

No século XXI non ten sentido fustrigarse publicamente nunha procesión relixiosa,  non ten sentido non ter para comer pero deixar prendidos cartos no manto dun santo ou dunha virxe, non ten sentido dicir que é fe vender balcóns e fiestras para lucimento de personaxes rancios acompañados por políticas rancias. Vender espazos e cadeiras para que senten turistas en primeira fila. Participar como confrades e non parar de mirar o móbil, non un, todos, durante a procesión.  

Moitas procesións expoñen elementos artísticos de imaxinería de primeira orde. Miren en Viveiro, tamén en Ferrol e noutros puntos de Galicia, no Bierzo ou no norte de España, onde o espectáculo é menos grotesco e folclórico. Moitos asistentes e participantes teñen fe. O resto, sobre todo na España profunda, é folclore e superstición. O hispanista Joseph Pérez recolle o seguinte falando de hai 275 anos, na época dos primeiros Borbóns: Os reformistas non propuxeron un combate contra a relixión... promoveron ilustrala... non vían na relixión popular mais ca ignorancia, superstición e fanatismo... as procesións de Semana Santa cos seus flaxelantes... Iso querían superar os reformistas nos gobernos dos Borbóns hai 270 anos!!! E agora, os ignorantes queren devolvernos a aqueles tempos ao berro de que, referíndose á Semana Santa andaluza, isto é España, a quen non lle guste que marche, como se aquilo fora sinónimo de España, pero atentos, para eles, os demais temos que respectar o que consideran España, pero eles non respectan aos que pensan, pensamos, diferente.


Comentarios