![]() |
| Los fusilamientos del tres de mayo (fragmento) Francisco de Goya - Museo del Prado |
Convén revisitar a obra de Francisco de Goya y
Lucientes de cando en vez. Mais nos tempos bélicos nos que estamos sumidos non deberíamos
esquecernos do xenial pintor. Non so pola serie de gravados (en absoluto unha
arte menor) titulada Los desastres de la guerra, serie na que empezou a
traballar en 1810, en pleno conflito contra as tropas de Napoleón que invadiran
España, serie na que reflicte a crueldade da guerra; non so por esa serie, dicía,
senón, e sobre todo, polo extraordinario Los fusilamientos del tres de mayo
obra que completa como un hipotético díptico a anterior El dos de mayo de
1808 en Madrid: la lucha con los mamelucos.
Sobre Los fusilamientos del tres de mayo
dicir que semella unha fotografía da época; tal foi o que puido observar o
pintor, trasladado de xeito maxistral ao lenzo, que a obra é paradigmática na
definición de realismo na pintura do século XVIII. Nun estudo sobre Goya, a profesora Erika Bornay afirma que Los
fusilamientos del tres de mayo non so é a primeira gran obra moderna da tolemia
da violencia, é, tamén, unha gran obra revolucionaria.
Xunto o home de camisa branca e brazos en cruz
que está a piques de ser fusilado, hai outras vítimas ás que lles agarda a
mesma sorte. Un é un tipo con carapucha e bigote e outro un frade medio
agochado coas mans entrelazadas en sinal de oración. A detonación prodúcese, os
mamelucos disparan e os homes caen mortos. Goya describe aquel feito histórico
no que os mamelucos fusilaron con nocturnidade
e aleivosía 44 persoas nunha das abas do monte Príncipe Pío en Madrid. Todos
foron botados a unha foxa común pero marcharon antes de botarlles terra. Un dos
fusilados sobreviviu. Na localidade de Fuentesnuevas (Ponferrada) cronistas
locais falan de que o home da camisa branca era de alí e que se chamaba Rafael
Canedo López, vendedor ambulante, amigo do frade e detido xunto a el. Outras
fontes din que o sobrevivente era asturiano e se chamaba Antonio Iglesias. Un
dos grandes investigadores de aquel suceso foi o economista e escritor José
Luís Sampedro.

Comentarios
Publicar un comentario