Segundo o dicionario, para a palabra DEMOCRACIA
hai varias acepcións:1.Forma de goberno na que o pobo exerce a soberanía.
2.Doutrina política que exerce ese sistema de goberno. 3. País gobernado dese xeito.
4.Sistema político baseado no recoñecemento da decisión da maioría a través
das eleccións.
Para Michael J.Sodaro, politólogo da Universidade
George Washington, a DEMOCRACIA ten catro propósitos claros: 1. Mellorar a
calidade de vida e a dignidade do individuo. 2. Ter voz e voto nas decisións
dos gobernos. 3. Limitar o poder dos cargos públicos. 4. Intentar reducir os
antagonismos sociais. (Expresado todo de xeito moi reducido, a modo de
titulares).
Se facemos unha enquisa sobre o significado de
DEMOCRACIA, a maioría respondería coa palabra LIBERDADE. E, efectivamente, a liberdade é un dos
froitos da democracia. Porén, se repasamos o significado da palabra no dicionario e os propósitos do prestixioso politólogo, o maior sinónimo da palabra DEMOCRACIA
é a palabra RESPECTO.
RESPECTO implica escoitar e recoñecer, aínda
que non se compartan, as ideas e as diferenzas dos demais.
Mais o RESPECTO non é algo gratuíto, é algo
que implica sobre todo educación e, de paso, formación. Pero todos coñecemos,
ou coñecemos no pasado, persoas maiores que tiveron pouco acceso á formación
pero que recibiron unha educación moral nas súas casas de primeira orde.
Nas sociedades democráticas en crise, un dos
elementos paradigmáticos desa crise é a falta de respecto. Esa falta de
respecto en España é a bandeira enarborada como único argumento político pola
oposición. A desgraza e o gran problema non é que sexa a bandeira da ultradereita,
inimiga por definición da democracia, senón a autodestrutiva liña seguida pola
dereita que perdeu o norte, esquecendo o significado da palabra e perdendo o
compás doutras dereitas europeas e peninsulares claramente democráticas.
Non so hai que ter Sentidiño. Hai que ter
RESPECTO.
Comentarios
Publicar un comentario