Extraterrestres, habelos hainos? (2)

 

A Frouxeira (fragmento con ovos voandeiros) de J. Méndez

A primeira hora da tarde, nun verán de hai moitos anos, e acompañado por unha ducia de amigos, topamos cun grupo de xubilados do mar que miraban o ceo cuns prismáticos. Foron tan xenerosos que nos pasaron os prismáticos para que nós tamén foramos testemuñas; ao final eramos preto de cen persoas con media ducia de binoculares para ver mellor o que xa se vía a simple vista. Flotaba quedo no aire un obxecto con brillo metálico e con forma de ovo, do que acabou desprendéndose a metade inferior que, á vez, se dividiu en tres partes, cada unha delas marchando nunha dirección diferente. A metade superior do ovo foise cara arriba pasados uns dez ou quince minutos.

Ese avistamento dun obxecto voador non identificado (OVNI) que eu observei dende a Pobra do Caramiñal, foi seguido por milleiros de persoas en Portugal e media España ata Zahara de los Atunes, na provincia de Cádiz. Moitos anos despois, nesa localidade gaditana, confirmoumo J.J. Benítez, escritor de éxito mundial e investigador do fenómeno OVNI, dicíndome que tiña moita documentación gráfica e xornalística sobre aquel feito.

Non é o mesmo ver un OVNI que confirmar a existencia de vida extraterrestre. Podemos ver un OVNI, como no meu caso, sendo simplemente iso, un obxecto estraño voador. Como dixen onte, son pragmático, e non coñezo información científica que acredite a existencia de vida extraterrestre. Ollo! Ninguén nega esa posibilidade, mais de momento non hai evidencias científicas que a acrediten.

Recomendo un libro, fácil de ler e marabilloso, titulado Astrofísica e editado pola Universidade de Vigo. A súa autora Ana Ulla Miguel, é catedrática de Astrofísica da Universidade de Vigo, científica brillante e defensora das mulleres na historia da Astronomía e a Astrofísica fala, no derradeiro capítulo, sobre a busca de vida no Sistema Solar e fora do Sistema Solar. Está tan ben escrito, que eu, un perfecto ignorante nestas e en tantas outras cuestións, lino sen esforzo e aprendín a entender un pouquiño o Universo. Todo grazas a Ana.

Ilustro esta entrada cun fragmento do cadro A Frouxeira de J. Méndez no que non faltan os seus ovos voandeiros.


Comentarios