Respect, a palabra
máxica que aparece como lema do fútbol mundial antes da retransmisión
dalgún partido internacional. Que bonito!!!
Mentres tanto, o máximo organismo do fútbol
mundial organizou Campionatos do Mundo en lugares como a Arxentina da
ditadura militar (1978), na Rusia de Putin en 2018 e en Catar
en 2022, coas mulleres sen dereitos e considerado un pais que financia o
terrorismo. Agora tócalle a Canadá, México e Estados Unidos
organizar o mundial deste verán 2026. Sendo en EEUU onde se van xogar moitos
partidos e a xogar a final, xusto cando o seu presidente ven de secuestrar a
Maduro en Venezuela e de iniciar a guerra contra Irán. Por se fora
pouco, o presidente da FIFA, Infantino, invéntase un premio da
paz que lle entrega a Donald Trump na Casa Branca nun acto tan
lamentable, tan impropio e falto de respecto e tan servil que pouco ten que ver
coa mensaxe de RESPECT que promoven. So a perda absoluta da dignidade por parte
de Maria Corina Machado entregándolle o Nobel ao presidente dos EEUU
supera o acto tan ignominioso de Infantino.
Falabamos de RESPECT, mentres nos campos de
fútbol o público insulta os xogadores rivais. Insultos moitas veces racistas,
pero nunca tanto como o outro día en Barcelona con todo o estadio de
Cornellá insultando os musulmáns no partido que enfrontou a España
con Exipto. Patéticos, ignorantes, irrespectuosos (e moitos cualificativos
máis) por parte dunha inmensa maioría no estadio, maioría defensora dos “valores” da súa España, a máis rancia, ignorante, atrasada e ultracatólica, esa que
potencian VOX e similares e achegados.
Falabamos de RESPECT, mentres en todos os
estadios se insulta os árbitros (alentados e cuestionados pola prensa servil).
Mentres, algúns xogadores insultan a compañeiros de profesión con comentarios
de todo tipo, racistas tamén, entre esgarros e mais esgarros (hai esgarros máis
finos e pequenos, pero permanentes, miren a Guardiola).
Os nenos e nenas non ven RESPECT, ven
todo o lixo. E os pais nos partidos de infantís son peores que todo o
arriba descrito, insultan e pelexan en vez de deixar xogar os rapaces.

Comentarios
Publicar un comentario