A propósito de Irlanda

 


Irlanda, Irlanda... tan admirada pola Xeración Nós, máis ca nada por acadaren a independencia naquela época. Irlanda, queremos ser coma Irlanda... En fin. Pasou xa o primeiro cuarto do século XXI e o coñecemento ampliouse, as noticias non voan, recíbense en directo, e o mundo mudou, neste último ano para moi mal. Por iso, a Irlanda actual está aí, á nosa man, á man de calquera.

Dicíame John Banville, en certa ocasión na Coruña, que  non entendía esa querenza por ser coma Irlanda. A nosa curta historia está repleta de bombas, asasinatos, terrorismo –dicía o escritor-, cunha sociedade rural aínda moi dependente dos grandes propietarios das terras, como no feudalismo, e cunha igrexa católica oprimindo a sociedade, dende as institucións democráticas ata o último cidadán.

Dous libros publicados en castelán entre 2022 e 2024 reflicten  a Irlanda de finais do século pasado, a Irlanda rural. Son dous magníficos libros cuxa lectura recomendo aquí.

La colonia (2024, editorial Sexto Piso) de Audrey Magee é  retrato delicioso da vida de media ducia de persoas nunha illa da costa irlandesa que conviven con dous estranxeiros durante o verán, un inglés e un francés. A identidade, o idioma e as costumes e tradicións, sen esquecer nunca relixión católica, son suficientes elementos para armar un argumento dramático e, á vez, entrañable.

Flores extrañas (2023, Sajalín Editores) de Donal Ryan ten como fíos condutores o inexplicable, canda menos durante case toda a novela,  e a forza do destino oprimindo, convencendo aos oprimidos que o que viven é normal, sempre foi así, non fagamos nada non vaiamos perder o que temos (nada), sigamos sendo escravos. Mais o amor acaba facéndose oco, non sen deixar polo camiño danos colaterais.

As dúas novelas reflicten dende dúas perspectivas diferentes, dende lugares tamén diferentes e con problemáticas distintas, a mesma submisión, a mesma opresión e o conservadorismo intrínseco da sociedade irlandesa.


Comentarios