O rural, e os que foxen das cidades

 

Gando e vivendas para os da cidade

Marchar da cidade para vivir no campo sona idílico. Os da cidade van vivir no rural. Trátase de abandonar pisos e apartamentos, de deixar atrás as cisternas ou a televisión demasiado alta dos veciños, ruídos de ascensor, etc., para vivir nun entorno rural, pacífico, illado (máis illado que o piso no que nin saúdan a quen lles acompaña no ascensor, que resulta que é o veciño do mesmo andar). Uns fan unha casa nun terreo, outros compran un chalé nunha pequena urbanización, o caso é que xa están libres de ruídos, de veciños molestos, de ascensores, de estreiteces e agora gozan dun espazo rodeado de verde, con algunhas casas de nativos máis ou menos cerca, ou con veciños como eles, recentemente chegados da cidade, veciños aos que tamén custa saudar.

Pero claro, os nativos do rural non so saúdan, detéñense a falar, socializan como fixeron sempre entre eles. Cando van co tractor á herba seca, cando van estender o esterco nos campos do pan, nos prados, nas hortas, saúdan coa man ao seu paso. Que ruído fan eses tractores, canta lama deixan na pista, que mal cheira o abono, canta merda deixa nos camiños e nas pistas o gando. E dun día para outro, empezan a chegar denuncias contra as cagadas do gando, os ruídos dos tractores, o relincho dos cabalos, o cheiro das ovellas, denuncias contra os veciños de toda a vida, postas por eses forasteiros de cidade acabados de chegar, ofendidos polo que é realmente o campo.

Eses señoritos de cidade chegan aos hábitats da xente do rural en plan colonizador, querendo que abandone o campo a xente do campo. E aínda hai xuíces que lles dan a razón! Claro, algúns deles viven no rural. Onde imos chegar!

Logo si, como o primeiro que fan os dos chalés é mercar un can, deben ter medo do campo, de tanto silencio, de tanta soidade, saen pasear co animal ceibo, deixando que faga as súas necesidades onde lle cadre, diante das casas doutros veciños acabados de chegar, ou nativos de toda a vida. Eses señoritos de cidade, como están no campo, non recollen a merda que van deixando as súas mascotas. Vese que a merda de un non molesta, ten pedigree.



Comentarios